Saturday 16 de November de 2024

Mais de 550 escolares participaron na fase do Barbanza de orientación do programa Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte


Esra iniciativa permite asegurar o acceso ao deporte de todos os escolares, promovendo a saúde a condición física e o benestar
Máis de 550 escolares de entre 14 e 16 anos de centros públicos do Barbanza e comarcas limítrofes participaron hoxe en Boiro no campionato de orientación, que forma parte do programa de fomento do deporte escolar Xogade, que organiza a Secretaría Xeral do Deporte a través da Agrupación Deportiva As Rías.

Esta competición ten como obxectivo atopar o máis rápido posible unha serie de balizas a través dun terreo determinado, debendo empregar os participantes un compás e un mapa. Os infantís teñen un percorrido de entre 1 e 1,5 quilómetros e os cadetes de entre 1,5 e 2.

A Secretaría Xeral para o Deporte, coa colaboración das federacións deportivas galegas e as agrupacións deportivas escolares, convoca o programa Xogade no comezo de cada curso escolar cunha duración de setembro a xuño. Esta iniciativa combina o programa deportivo e competitivo (escolar e federado) cun programa lúdico e participativo para os escolares dos centros educativos de toda Galicia.

O obxectivo primordial desta nova concepción do deporte é a promoción da saúde, a condición física e o benestar, sen esquecer nin deixar de lado o rendemento deportivo, pero asegurando que todos os escolares poidan ter acceso á práctica de actividades físico-deportivas sen que exista ningún tipo de discriminación.

Este programa vai dirixido a todos os escolares galegos, polo que poden inscribirse os centros de ensino, as ANPA, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas ou asociacións de toda Galicia. Tan só na provincia da Coruña participaron no curso 2016-2017 un total de 33.648 escolares, o que supuxo un investimento no deporte de base de preto de 240.000 euros en concepto de organización, seguros e transporte.

O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, destacou que “fomentar o deporte entre os máis novos permítenos non só o poder contar con bos deportistas e atletas no día de mañá, senón que axuda a que que os nosos mozos e mozas medren con hábitos de vida saudables e con xogos que afiancen os valores do deporte, como o sentido do esforzo, do respecto ou da xustiza”.