Saturday 23 de November de 2024

A tramitación da Lei de Ordenación do Territorio completará os instrumentos necesarios para acadar un urbanismo máis sostible e respectuoso coa paisaxe


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio recorda que as previsións do seu departamento son iniciar a súa tramitación este mesmo ano
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta mañá que co inicio este mesmo ano da tramitación da Lei de Ordenación do Territorio completaranse os instrumentos necesarios para que Galicia acade un urbanismo máis sostible e respectuoso coa paisaxe.

Mato Otero participou esta mañá nunha charla-coloquio Pensa en verde; cara unha infraestrutura verde, organizada pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, onde destacou que o seu departamento iniciou a tramitación desta nova normativa porque a actual está obsoleta, tras máis de 20 anos de vixencia.

Explicou que o obxectivo é dar unha maior seguridade xurídica á tramitación dos instrumentos supramunicipais; pois mentres que coa Lei do solo se lles deu unha ferramenta útil aos concellos, coa futura Lei de ordenación do Territorio (LOT) ofreceráselles unha ferramenta áxil para que os documentos que transcendan o ámbito municipal poidan tamén tramitarse con seguridade xurídica.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que a Comunidade galega deu pasos moi importantes e decisivos en materia de urbanismo e protección da paisaxe dende o ano 2011, que fan que Galicia se poida comparar a nivel normativo con outras comunidades autónomas. Lembrou que esta etapa se iniciou coa aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio e do Plan de Ordenación do Litoral e que superou un chanzo máis no ano 2016 coa aprobación da Lei do solo e do seu propio regulamento.

Aclarou que este novo marco normativo completarase con dous novos instrumentos -ademais do inicio da tramitación da LOT-, como son o Plan Básico Autonómico e os Plan Básicos Municipais; e engadiu que tamén se desenvolveron iniciativas específicas para a protección da paisaxe, que se engloban dentro da Estratexia da Paisaxe Galega que inclúe a elaboración do Atlas das Paisaxes de Galicia, así como outros proxectos como o Catálogo da Paisaxe de Galicia, a Guía de cor e materiais, as Directrices da Paisaxe…

A conselleira de Medio Ambiente tamén indicou que Galicia debe sumarse á senda de traballo que marca a Unión Europea e por esa razón iniciou a redacción da Estratexia da Infraestrutura Verde de Galicia, coa que crear unha rede de interconectada de espazos verdes e outros elementos ambientais que conserven as funcións dos ecosistemas naturais. Apuntou que esta ferramenta aporta beneficios de tres tipos: ecolóxicos, como a conservación da biodiversidade, a adaptación ao cambio climático, a redución do risco de desastres naturais; sociais, como a provisión de espazos atractivos para o ocio e o turismo; e económicos, como a xeración de emprego, o incremento do prezo das propiedades e a redución dos custes por danos.

Beatriz Mato resumiu que esta liña de acción do Goberno galego responde a un reto moi claro e concreto que se centra en dar resposta a tres grandes obxectivos: ningún concello galego sen plan xeral de ordenación municipal, facilitar e promover un desenvolvemento ordenado e sostible do medio rural de Galicia e protexer e poñer en valor as paisaxes galegas.