Monday 25 de November de 2024

O Concello de Boqueixón instalou 30 trampas para vespas velutinas nas 14 parroquias


Unha quincena de veciños asistiron a unha sesión informativa sobre esta especie invasora

O Concello de Boqueixón vén de completar a instalación de trinta trampas para vespas velutinas en espazos públicos das 14 parroquias do municipio. “Decidimos reforzar as medidas de prevención, xa que o ano pasado se chegaron a retirar 198 niños”, explica o alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín.

Así, instaláronse 3 trampas nas parroquias de Codeso, Lestedo e Sergude e 2 nas de A Granxa, Boqueixón, Donas, Gastrar, Lamas, Ledesma, Loureda, Oural, Pousada e Vigo. A restante colocouse en Sucira.

“A distribución de trampas realizouse segundo o número de niños retirados o pasado ano”, concreta o rexedor. De feito, preto da metade deles foron quitados en Sergude (40), Lestedo (32) e Codeso (18). No resto das parroquias retiráronse entre 17 (no caso de Boqueixón) e 3 (en Sucira).

As trampas instaladas son ecolóxicas e reutilizables. Contan cunha capacidade de 2,4 litros e teñen forma de mazá. Todas elas foron colocadas en árbores de distintos espazos públicos das parroquias.

Charla informativa

Como reforzo e co fin de axudar á veciñanza a previr a aparición desta especie invasora, organizouse unha charla informativa na Casa do Concello. Unha quincena de veciños e veciñas acudiron a esta sesión na que tamén se aprendeu a elaborar trampas domésticas para a vespa velutina.

Manuel Fernández Munín agradeceu “a colaboración da veciñanza na prevención da extensión desta especie invasora, xa que sen a súa axuda non se podería levar a cabo esta campaña con efectividade”. Ao mesmo tempo, animou a boqueixaneses e boqueixanesas a “elaborar as súas propias trampas artesanais, xa que resultan de grande utilidade para reforzar a loita contra a vespa velutina”.