Friday 22 de November de 2024

A Casa da Cultura de Lousame acollerá este venres e sábado unhas charlas gratuítas sobre actividade física e saúde


Abertas a toda as persoas interesadas en ampliar coñecementos sobre primeiros auxilios, nutrición e hábitos saudables no deporte

O Club Lousame Deporte, en colaboración coa Concellería de Deportes de Lousame, organiza unhas charlas informativas sobre actividade física e saúde que terán lugar nas tardes do venres 6 e sábado 7 abril na casa da cultura lousamiá. Unha iniciativa organizada co gallo da conmemoración do Día Internacional da Actividade Física (venres 6 de abril) e do Día Internacional da Saúde (sábado 7 de abril) e que serán de asistencia totalmente libre e de balde.

As charlas foron presentadas esta mañá en rolda de prensa polo presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero, e pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, que estiveron acompañados pola concelleira de Deportes, María Agrafojo; a coordinadora da Cruz Vermella de Noia, María Belsol Morgade; a propietaria da Farmacia de Portobravo, María Antonieta Fernández Tomé; e polo técnico de Deportes de Lousame, Germán Romero.

Teresa Villaverde agradeceu tanto a iniciativa do Club Lousame Deporte como a colaboración ofrecida pola Cruz Vermella de Noia, a Farmacia de Portobravo, o centro de saúde de Lousame e a Clínica de Fisioterapia Cinesia xa que “temos que traballar todos xuntos en iniciativas coma estas xornadas, que buscan mellorar os coñecementos, a nutrición e a saúde dos nosos veciños e veciñas”. Unhas xornadas que a alcaldesa enmarcou “dentro do traballo que dende o Concello de Lousame vimos facendo como concello saudable en programas de saúde, xornadas e actividades para promover a saúde, sobre todo a través do deporte”.

Gratuítas e abertas a todo o mundo

Un punto no que incidiu Néstor Romero, quen explicou que estas xornadas xurdiron “por que un dos obxectivos do Club Lousame Deporte é complementar as actividades formativas con formación. Esperamos que este venres e sábado poidamos contar con moita xente que queira formarse en materia de nutrición, hábitos de vida saudable ou primeiros auxilios xa que non son unhas xornadas dirixidas unicamente aos profesionais, se non que están abertas a todas as persoas que queiran formarse para ter unha maior calidade de vida a través do deporte”.

De feito, María Besol fixo fincapé na importancia de que todas as persoas teñamos uns coñecementos básicos sobre primeiros auxilios “pois é algo que é útil tanto no deporte como na vida cotiá”. Pola súa banda, María Antonieta Fernández considerou que “temos a obriga de ensinar nutrición e hábitos de vida saudable aos nosos nenos e nenas, pero para iso temos primeiro que aprender a coidarnos nós mesmos”.

Unha observación que compartiu Germán Romero, quen lembrou que “agora que a moitas persoas se lles activa o chip co da operación bikini, temos que darnos conta da importancia de ter nocións sobre nutrición e hábitos saudables porque xa non é tanto os anos que vivimos, senón a calidade de vida que se ten nese tempo”. María Regenjo pechou as intervención agradecendo a colaboración de todas as entidades que participan nestas charlas e facendo un chamamento tanto á veciñanza de Lousame como de municipios da contorna xa que “é importante facer deporte, pero tamén é fundamental saber como facer ese deporte para coidar da nosa saúde”.

Programa

As xornadas sobre actividade física e saúde terán lugar o venres 6 e o sábado 7 de abril na Casa da Cultura de Lousame. Unhas xornadas que abrirán as súas portas o venres 6 de abril ás 20:30 horas e que darán paso á charla “Prevención, diagnose e tratamento”, unha charla de Javier Fernández Neira, fisioterapeuta e osteópata da Clínica Fisioterapia Cinesia, sobre o tratamento de lesións deportivas. Ás 21:20 horas terá lugar unha segunda charla sobre “Nutrición no Deporte”, que “estará aberta a toda a veciñanza pero que está especialmente recomendada para os nenos e nenas de escolas deportivas e adultos que practiquen deporte”, explicou Néstor Romero.

As charlas do sábado 7 de abril abriranse ás 19:30 horas coa ponencia “Primeiros auxilios no deporte”, a cargo de Antón García Rachou, enfermeiro da Cruz Vermella de Noia. Ás 20:30 horas, a nutricionista da Farmacia de Portobravo, Olaya Fernández Seijas, falará sobre “Cambios de hábitos na túa alimentación”. A derradeira intervención xirará en torno á importancia da actividade física na sociedade actual. “En definitiva, unhas xornadas abertas tanto a nenos como maiores, tanto a veciños de Lousame como doutros municipios veciños e tanto a deportistas como a persoas que queiran aumentar os seus coñecementos sobre saúde e actividade física”, conclúe o presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero.