O regulamento tiña máis de vinte anos e semellaba estar desactualizado
O Regulamento especial de honores e distincións do Concello de Cambre foi aprobado polo Pleno municipal en 1996.
Tras varios debates nos plenos municipais sobre a modificación deste regulamento o alcalde pediulle aos grupos que remitirán as súas propostas para debatilas nas xuntas de voceiros. Deste xeito, nas xuntanzas de febreiro e abril debatíronse as novas achegas co fin de mellorar o texto inicial.
Da comparativa do regulamento en vigor con outros regulamentos, considerouse procedente modificar varios dos artigos para actualizar esta norma municipal e darlle máis participación aos grupos da Corporación.
En concreto, no que respecta ao artigo 3, sobre as clases de honores e distincións, que se poden conferir polo Concello de Cambre, modifícanse os requisitos que deben darse nos galardoados para a concesión da condecoración na categoría de medallas ouro ou de prata, xa que se fai unha definición de carácter xenérico para ambos supostos, o que podería dar lugar a unha certa discrecionalidade, polo que parece máis adecuado manter un único honor na categoría de medalla de ouro do municipio de Cambre.
En canto á modificación do apartado 1, motívase a inclusión da colocación de placas conmemorativas, instalación de monumentos e estatuas conmemorativas en lugares públicos do municipio, supostos que non aparecen recollidos no regulamento, así como facer extensivo o dito honor non soamente ás persoas físicas, senón tamén a entidades ou institucións, ou conmemoración de feitos singularizados merecedores de tal distinción.
Ao propio tempo, establécese a diferenciación entre a designación de vías públicas con carácter honorífico respecto da designación de vías públicas ás que non se atribúe o dito carácter. Os motivos para a inclusión do novo apartado obedecen a criterios éticos, o mesmo respecto das persoas vinculadas coa Corporación en virtude dunha función determinada ou servizo, como respecto de aquelas
persoas que, aínda cando non existan relacións de subordinación, si poden existir situacións de interese para as entidades locais nas cales teñan que intervir, por razón do seu cargo, persoas vinculadas a outras administracións públicas.