O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica hoxe o anuncio da aprobación da oferta pública de emprego (OPE) do Concello de Noia para o exercicio 2018. Unha OPE que inclúe tres postos de policía local (grupo C1) e unha de auxiliar administrativo (grupo C2) de acceso libre.
Deste xeito cúmprese o anuncio realizado no pleno municipal do pasado martes polo alcalde de Noia, Santiago Freire, quen apuntara que a OPE 2018 sería presentada á mesa de negociación o mércores 28 de marzo para a súa inmediata publicación no BOP. Freire Abeijón sinala que “o obxectivo é que as prazas se cubran da forma máis inmediata e agardamos que o proceso sexa o máis áxil posible”.
O alcalde noiés fai fincapé en que a OPE 2018 prioriza a incorporación de axentes de Policía Local, a pesar de que só unha das vacantes que houbo nos anos 2016 e 2017 correspondía ao devandito corpo. Unha decisión tomada para reforzar o servizo da Policía Local noiesa e á que haberá que engadir a incorporación dun novo axente en comisión de servizos.