Responder a esta pregunta non é cousa doada cando se mira a obra de Manuel Carballeira. O pintor chairego exhibe unha técnica tan fiel á realidade retratada que, por momentos e dependendo da distancia á que se miren os seus cadros, as imaxes reproducidas semellan fotografías. Trazos precisos que non perden tempo no detalle, pero si nas tonalidades que reflicten as luces e as sombras e, polo tanto, a profundidade visual. Carballeira xa ten exposto en San Sadurniño a título individual e tamén colectivo. Agora volve con “Figurativas”, unha colección composta principalmente por paisaxes que poderemos admirar na Galería da Casa do Concello até o 2 de maio.
Natural de Cospeito e afincado en Valdoviño, Manuel Carballeira Rivas é un artista capaz de aprehender cunha soa ollada o que ten diante de si. Esa capacidade -e a súa habilidade para trasladar ao lenzo o que ve- válenlle para estar sempre entre os primeiros postos dos certames de pintura rápida que se celebran aquí e acolá, pero tamén para asinar traballos feitos con máis vagar. En ambos casos os seus cadros teñen formado parte de mostras dentro e fóra de Galicia -alomenos 20 desde 2015, unha das últimas en Nova Iorque hai escasos meses-, e con eles leva colleitado unha vintena de premios desde 2014.
Carballeira é especialista en artes gráficas e deseño. Na actualidade imparte clases de debuxo e pintura, ao tempo que as combina coas saídas para retratar recunchos. Un dos seus temas recorrentes é a paisaxe, sobre todo a galega. Brañas, praias, fragas, portos civís e militares, edificios ben recoñecibles… ambientes exteriores onde el semella atoparse máis cómodo e onde mellor se aprecia a súa técnica, presidida polo manexo maxistral da luz.
Vistos de preto, os seus cadros incluso parecen pretendidamente rudos no trazo e é cando nos imos afastando deles cando cobran unha vida inusitada de sombras, claridades tenues e fortes puntos luminosos proxectados polo sol.Todo vestido con cores sen estridencias que se axustan perfectamente ás da realidade.
Ata o día 2 de maio a colección “Figurativas” permanecerá na galería do primeiro andar da Casa do Concello, onde pode visitarse de luns a venres entre as 8.30 e as 14.30h. Son máis de 20 cadros de distintos tamaños -incluso dípticos- onde predominan os exteriores, aínda que tamén hai algún bodegón e algunha impresión de corte máis abstracto. En calquera caso, igual que ocorreu ata hai uns días coa obra de José Manuel Canosa (Manolo de Pena), merece a pena pasar pola sala de exposicións para gozar dunha exposición chea de sorpresas en cada recuncho.