Dende o Concello de Riveira queremos informar de que o vindeiro martes, día 3 de abril, comezarán as obras de reordenación da avenida do Malecón e de pavimentación da zona infantil do parque García Bayón en Riveira.
Cómpre informar ao respecto que esta actuación se executará por fases e que a primeira delas abrengará o dobre carril exterior (o máis pegado á barandilla que delimita a zona de actividade portuaria) dende a rotonda da terminal autobuses ata a altura da rúa Rosalía de Castro. Con tal motivo, será necesario desviar a circulación do tráfico conforme ao que se indica no seguinte plano:
Na área en cuestión instalarase un tramo do carril bici que vai enlazar o existente no Touro co que hai en Coroso, ademais de aumentar a superficie de tránsito peonil.
No que se refire á obra en conxunto, compre lembrar que vai ser executada por Canarga, S.L. O seu importe é de 701.400 euros e ten un prazo de execución de 165 días naturais.
Actualmente a avenida do Malecón dispón de catro carrís circulación: dous para cada sentido da circulación, dando prioridade ao tráfico de vehículos a motor antes que ao tránsito peonil. Existen ademais aparcamentos en batería nas súas dúas marxes e unha zona central situada entre a rotonda da terminal de autobuses e o cruce con Rosalía de Castro. Por outra parte, a zona de xogos infantil situado no parque García Bayón contén lousetas de formigón de caucho continuo moi deteriorado.
O proxecto técnico elaborado polos servizos municipais ten como obxectivo fundamental reordenar a avenida do Malecón dando preferencia ao peón fronte ao vehículo e conferindo aos vais o carácter urbano que lles corresponden. Prevese ademais a execución dun carril bici que una o existente no paseo do Touro co do paseo de Coroso dando así continuidade ao mesmo ao longo da fachada marítima do casco urbano.
Con este obxectivo, na avenida do Malecón está prevista a demolición da actual terminal de autobuses e o palco de pedra existente, o redeseño da rotonda da terminal de autobuses de xeito que se poida realizar un miradoiro no encontro entre o paseo do Touro e o porto. Por outra parte, manterase un único carril por sentido de circulación en toda a avenida do Malecón e reordenarase o espazo de aparcamento existente no entorno do mercado municipal, situando aparcamentos en batería e unha ampla zona peonil.
Doutro lado, substituirase o deteriorado pavimento da zona de xogos infantís do parque García Bayón por caucho continuo e instalarase un carril bici de entre 2 e 2,5 metros de anchura entre a rotonda da terminal de autobuses e o paseo das Carolinas.
Así mesmo, instalaranse novas liñas de pluviais nos tramos que sexa necesario. En concreto se instalarán 290 metros de tubaxe de PVC SN4, de 315 milímetros de diámetro, 5 acometidas de pluviais, 65 arquetas sumidoiro e 10 pozos de rexistro.