A nova infraestrutura, orzamentada en 58.000 €, garante a seguridade de peóns e condutores. O prazo de execución é de seis semanas
A Consellería de Medio Rural vén de iniciar as obras de construción dunha nova ponte ao seu paso polo lugar do Pazo, na parroquia de Lesta, sobre o rego que leva o mesmo nome. Cun prazo de execución de 6 semanas o seu investimento ascende a 58.000 euros. Grazas a esta nova intervención estanse a substituír os dous tubos de drenaxe de aceiro corrugado de 2 metros de diámetro existentes ate hai ben pouco, os cales presentaban un notable deterioro e zonas con importantes roturas.
Para isto instalarase un novo pórtico de sección libre de 7×2 metros cun ancho de taboleiro de 8 metros de formigón armado. Ademais da demolición da anterior construción o proxecto contempla a instalación de novas zapatas e novos muros de 40 cm de ancho sobre os que descansará un novo dintel de 30 cm de espesor. A nova estrutura, entre outros elementos, estará composta de aceiro. Tamén está previsto o reafirmado do camiño en toda a contorna con zahorra, grava e mestura bituminosa en quente con capa de rodaxe. Por último colocarese, para incremento da seguridade, unha varanda metálica.
Concretamente foi en decembro de 2017 cando se aprobou o convenio desta execución por parte do Consello da Xunta de Galicia. O custo da obra englóbase dentro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) desenvolvido pola Consellería do Medio Rural de cara á execución de obras con carácter de urxencia nos concellos. Unha necesidade evidenciada polo deficiente estado que presentaba a antiga ponte, o que obrigou ao seu peche. Tras esta obra o Concello de Ordes poderá garantir a seguridade tanto dos peóns como dos vehículos que transiten por ela. Ademais, facilitaranse os desprazamentos dende a zona rural e abarataranse os custos de produción das granxas ao verse renovadas as súas comunicacións.
Esta non é a única ponte na que no Concello de Ordes ten realizado obras de arranxo e mellora. Tras preto de catro meses pechada foi en febreiro de 2017 cando se abriu ao tránsito a nova ponte do Melante, na parroquia de Vilamaior. Nesta ocasión o investimento superou os 80.000 €. No caso da Ponte Ribeira, comunmente coñecida na zona como Ponte Pereira ou Ponte Vella, o importe das obras ascendeu a 84.800 €, abríndose ao tráfico en novembro de 2016 tras preto de 3 meses de obras.