O Pleno aproba por unanimidade solicitar unha axuda para reproducir en madeira 7 instrumentos da portada de San Martiño de Noia
O Concello de Noia reducirá nun 90% a taxa pola prestación de servizos de subministración de auga potable, rede de sumidoiros, saneamento e depuración de augas residuais. Unha modificación da ordenanza aprobada por unanimidade de todos os grupos municipais e que se traduce nunha cota de 1,3 euros por semestre.
Así mesmo, o Pleno apoiou por unanimidade a proposta do concelleiro de Cultura, José Pérez, para solicitar unha axuda ao Plan Medida LEADER para a reprodución en madeira de sete instrumentos musicais da portada da igrexa de San Martiño de Noia. O concelleiro salientou que “é un proxecto moi bonito para recuperar o noso patrimonio” e cuantificou a subvención solicitada entre un 60 e un 90% do coste do proxecto. Entre os instrumentos a recuperar, ademais de arpas e laúdes, Pérez salientou “unha guitarra que é posiblemente única en Galicia”, ao tempo que anunciou a redacción dun proxecto para “non só recuperar o noso patrimonio, senón ver o que se vai facer despois”.
Un proxecto que “permitirá reproducir os instrumentos dos antigos músicos de Noia e darlle unha maior singularidade ao Festival Internacional de Arpa, ademais de ser usados para concertos e outras actividades”, remarcou o alcalde de Noia, Santiago Freire. Un festival que “é o único no noroeste de España e que está a ter moi boa aceptación”, engadiu Pérez.
Policía Local
O alcalde noiés aproveitou a presentación dunha moción do grupo municipal socialista, que pedía a mellora da seguridade cidadá e a cobertura das prazas vacantes no corpo de Policía Local acordada no pleno de xaneiro de 2018, para anunciar que “mañá se presentará á mesa de negociación a Oferta Pública de Emprego que inclúe tres prazas de Policía Local e un auxiliar administrativo. Despois se procederá á súa publicación no BOP e no DOG, polo que cumprimos co acordo plenario”.
Santiago Freire engadiu que “o obxectivo é que as prazas se cubran da forma máis inmediata posible e agardamos que o proceso sexa o máis áxil posible”. Así mesmo, anunciou tamén a incorporación dun novo axente en comisión de servizos, “que é un paso máis para reforzar o servizo de Policía Local en Noia”.
A moción socialista foi aprobada por unanimidade, despois dun longo debate entre os grupos sobre a idoneidade de facer a convocatoria dende o Concello de Noia ou ter optado pola convocatoria conxunta da Xunta de Galicia. Así, o voceiro socialista, José Manuel Lage, pediu o cumprimento do acordo plenario de xaneiro de 2018 e que no primeiro trimestre do ano se convocaran as prazas vacantes da Policía Local; mentres que o voceiro da Marea de Noia, Manuel Seijas, insistía en que o debate era por que nestes dous meses non se levara a cabo a convocatoria.
Pola súa banda, o concelleiro de Policía Local, Julio Bustelo, insistiu en que o acordo adoptado “non é a solución máis áxil, a máis áxil era a de derivar temporalmente por catro anos as competencias no proceso único da Xunta”. Neste sentido, advertiu que “se Noia acaba a selección antes que a Xunta, e non hai alumnos suficientes doutros concellos, teremos que esperar a facer o curso da Academia Galega de Seguridade na Estrada”, lamentando que no proceso da Xunta estean incorporados concellos de todas as cores políticas e que en Noia non se permitira “delegar no proceso único para desatascar o departamento de Secretaría”. Ante as críticas comúns da Marea de Noia e do grupo socialista sobre falta de axilidade na convocatoria da Oferta Pública de Emprego, Bustelo lembrou aos concelleiros que “a OPE só se pode facer a ano vencido”.
Pensións
Os cinco grupos municipais apoiaron tamén unha declaración institucional sobre as pensións na que se insta ao Goberno de España a garantir a suficiencia económica das pensións e revalorizalas con referencia ao IPC para garantir o poder adquisitivo e un nivel de vida digno por parte dos pensionistas. Unha declaración que instaba aos partidos a traballar cun obxectivo único: a sustentabilidade das pensións actuais e futuras.
Así mesmo, aprobouse tamén unha moción do grupo socialista na que, ademais do incluído na declaración institucional, tamén se solicita a derogación de toda a normativa na materia aprobada polo Goberno do Partido Popular entre 2011 e 2015, volver ao consenso de 2011 e racionalizar os gastos do sistema, segundo expuxo o socialista Miguel Paz, quen instou ao PP a “saber onde están” e a que “os intereses do partido non se impoñan aos do pobo”.
A moción foi apoiada por todos os grupos salvo o do BNG, cuxa voceira Irati García, xustificou a súa abstención en que “é a terceira vez que tratamos esta moción” e que “esquece que o camiño se iniciou co PSOE, porque non se menciona o mal feito dende o Goberno Zapatero”. O voceiro do grupo popular, Julio Bustelo, lamentou a presentación deste moción “despois de ter aprobado un texto falado e consensuado entre os 5 partidos” pero anunciou o apoio do grupo de Goberno “por apoio aos nosos pensionistas, porque non estamos acordo nin coa parte expositiva nin co que se pide”. Un punto no que coincidiu o alcalde noiés, quen indicou que “se este acordo serve para algo, apoiamos a iniciativa”.
Centro de día
O pleno tamén aprobou por unanimidade a moción da Marea Cidadá de Noia para a creación dun centro de día na vila. O seu voceiro, Manuel Seijas, insistiu durante todo o debate que a súa “é unha proposta aberta, un punto de partida”, xa que os grupos municipais do PP, PSOE e NOIA coincidiron en botar en falla unha maior concreción na proposta: número de prazas, características do inmoble e, sobre todo, unha proposta de emprazamento para o mesmo.
Neste sentido, Seijas reiterou que a súa proposta “non fixa unha data”, se non que o Concello de Noia asuma o compromiso de facer un proxecto para o centro de día e despois busque financiación. Unha proposta “sen prazos nin compromisos” e “na que temos que definir todo nunha xunta de voceiros ou en distintas xuntanzas con técnicos”.
O voceiro de NOIA, José Pérez, amosou o seu apoio á iniciativa pero “a dúbida é saber onde”; mentres que a voceira do BNG, Irati García, insistiu en que “temos unha poboación máis avellentada que a doutros concellos do arredor que si dispoñen deste servizo”. Pola súa banda, o voceiro socialista, José Manuel Lage, asegurou que “a carta aos reis Magos da Marea de Noia é suscribible pero para pedir ante a Administración hai que ter unha base mínima”.
Un punto no que coincidiu Santiago Freire, quen insistiu en que “incluso antes, para facer a redacción do proxecto son necesarios determinados pasos que están sen definir. Hai que ver as posibilidades que ofrece o Plan Xeral”, polo que indicou que convocará aos voceiros a encontros para tratar sobre esta cuestión “cando exista información, e para iso é fundamental a aprobación definitiva do Plan Xeral, aquel no que algúns votaron en contra”.
DP-5704
Finalmente, o pleno aprobou por unanimidade unha moción do BNG para “dirixirse á Deputación para buscarlle unha solución á inseguridade viaria na estrada DP-5704 ao seu paso por Santa Cristina”, explicou a súa voceira Irati García. O alcalde, Santiago Freire, agradeceu a iniciativa e o apoio unánime á mesma xa que en marzo de 2016 xa lle pediu este arranxo ao presidente da Deputación da Coruña. “Se esta iniciativa serve para ter o apoio dos distintos grupos, benvido sexa porque nós, sobre a dispoñibilidade dos terreos estamos en disposición de colaborar”.
O debate desta moción motivou un desencontro entre os grupos municipais do BNG e do PSOE a raíz dun comentario do primeiro sobre a forma de xestionar os fondos na Deputación e certo favoritismo político.
.