Esta iniciativa xestionouse a través do Sistema de Garantía Xuvenil e tivo unha duración de seis meses
Nos últimos seis meses 12 alumnos e alumnas menores de 30 anos formáronse en Carballo como técnicos en carpintería e moble, gracias a un obradoiro de emprego de Garantía Xuvenil onde a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegou algo máis de 112.000 euros. O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, xunto ao alcalde da localidade, Evencio Ferrero, clausuraron hoxe o obradoiro.
Este proxecto centrouse na revalorización de espazos urbanos a través da realización de obras de interese xeral e social, como a dotación e mellora do mobiliario das rúas Martín Herrera, Colón e Desiderio Varela. Ademais, tamén instalaron o mobiliario modular do Centro social de Ardaña.
Xunto coa formación teórica das especialidades, estas actuacións serviron como prácticas laborais para que o alumnado recibise hoxe os certificados profesionais con validez en todo o Estado que permitirán mellorar a súa empregabilidade. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibiron formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.
A provincia da Coruña conta no curso 2017-2018 cun total de 24 obradoiros de emprego, 16 deles de carácter xeral, onde participan alumnos e alumnas de calquera idade e oito de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas invístense en políticas activas de emprego máis de 5,4 millóns de euros na provincia e participan un total de 440 persoas desempregadas.
Os obradoiros xerais, cada un con 20 prazas, teñen lugar en Oza-Cesuras compartido con Coirós; Ribeira compartido con Porto do Son; Abegondo compartido con Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras e Paderne; Ferrol; A Laracha compartido con Arteixo; Monfero compartido con Aranga, Irixoa e Vilarmaior; Boqueixón compartido con Vedra; Santa Comba compartido con Mazaricos e Dumbría; Betanzos compartido con Abegondo, Carral, Coirós e Paderne; Padrón compartido con Rois e Dodro; As Pontes; Mugardos compartido con Ares, Fene, Cabanas e Neda; Cambre compartido con Sada; Miño compartido con Paderne e Pontedeume; Touro compartido con O Pino; e Ordes compartido con Frades.
Pola súa banda, os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil, que contan cada un con 15 alumnos-traballadores, realízanse en Ames compartido con Brión; Carballo; Fene compartido con Ares, Neda, Mugardos e Cabanas; Santiago; Muros compartido con Carnota; Oleiros; A Coruña; e Boiro.
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou o “compromiso claro da Xunta para traballar na creación de postos de traballo de calidade, estables e coa mirada posta no futuro”. Rodeiro fixo fincapé que “ o obxectivo de incorporarse ao mercado laboral debe facerse dende unha posición activa e comprometida, xa que a motivación e a actitude son valores determinantes na busca de emprego”.