Friday 22 de November de 2024

As contas de 2017 do Concello de Ordes reflicten un superávit de máis dun millón de euros


A Administración local liquida os orzamentos de 2017 cumprindo coa regra de gasto, superando folgadamente o límite de débeda e cun período medio de pagamento a provedores de -13,58 días

As contas do Concello de Ordes cumpren cos criterios de estabilidade orzamentaria e sobradamente coa regra de gasto. Así se reflicte tras os resultados da liquidación orzamentaria correspondente ao ano 2017. O resultado da súa avaliación presenta un superávit de 1.038.922,79 €, o que supón un 10,70% dos ingresos non financeiros. Por outra banda, a diferenza entre o límite da regra de gasto e o gasto computable é de 2.907,68 €.

A boa xestión e o equilibrio orzamentario das contas municipais advírtense sobradamente no período medio de pagamento de -13,58 días sobre a débeda comercial. O ente local tamén cumpre folgadamente co límite de débeda sinalado pola Lei de facendas locais, cifrado nun 110%. Neste aspecto a porcentaxe de débeda viva sobre os recursos correntes do Concello é do 42,70% (3,48 M€).

Unhas contas das que recentemente José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, deu conta en sesión plenaria a todos os membros da corporación municipal e, por extensión, á veciñanza. Unhas contas aprobadas tras o informe previo de Intervención mediante decreto o día 21 de marzo de 2018.

En conxunto o resultado orzamentario sinala un saldo positivo que ascende a 809.835,05 €. No que se refire ao remanente de Tesourería para gastos xerais o importe é de 1.228.734,47 €. O aforro neto legal é positivo por un total de 1.679.604,95 €, o que supón un 20,56% sobre os dereitos liquidados por operacións correntes na liquidación dos orzamentos.