Friday 22 de November de 2024

O alumnado do Programa Inicia II coloca unha nova varanda entre a rúa Machuco e a Avenida da Cooperación


A acción formativa clausurarase oficialmente este mércores ás 12.30h. na Casa do Concello de Fene
Este mércores darase por finalizado o programa de formación para o emprego Inicia II que se desenvolve en Fene desde o pasado mes de setembro. Unha quincena de rapaces e rapazas inscritas no programa de Garantía Xuvenil estiveron aprendendo neste tempo técnicas relacionadas coa montaxe de estruturas tubulares, ademais doutros aspectos necesarios para incorporarse ao mundo laboral, como por exemplo seguridade e saúde no traballo, interpretación de planos, etc. O proxecto financiado pola Xunta con fondos europeos tiña un contido principalmente práctico e cunha aplicación real no territorio. Neste sentido, o alumnado encargouse do deseño e fabricación dunhas novas varandas que hoxe mesmo se estaban instalando nas escaleiras que unen a rúa Machuco -Tellerías- coa Avenida da Cooperación, en San Valentín.

O Inicia II é unha das tres accións formativas relacionadas co emprego que se desenvolven con participación municipal. As outras dúas encádranse no programa Reinicia IV -tamén compartido con Neda, Ares, Cabanas e Mugardos- que lle ofrece capacitación a outras 20 persoas en materia de atención sociosanitaria a domicilio e en carpintería e fabricación de mobles, con grupos de 10 persoas en cada curso.

As actividades do programa Reinicia IV aínda continuarán ata o mes de xuño en Mugardos e Fene respectivamente. Porén, o curso de estruturas tubulares clausurarase este mércores tras seis meses de aprendizaxe teórica e práctica orientada a mellorar as aptitudes do alumnado para incorporarse ao mundo do traballo.

No curso participaron un total de 15 persoas, todas elas menores de 30 anos e, a diferenza do Reinicia IV, todas elas inscritas no plan de Garantía Xuvenil financiado polo Fondo Social Europeo. Durante esta etapa formativa tocaron practicamente todos os apartados que se atopan no día a día de calquera taller de estruturas metálicas: adoptar medidas de seguridade que preveñan accidentes ou lesións, planificación do traballo axustándoo a un orzamento e a unha funcionalidade determinada do produto, elección de materiais, interpretación de planos, medicións, corte, soldadura e montaxe, etc.

Contidos que, lonxe de quedar nun repaso teórico, se levaron á práctica con proxectos de mobiliario urbano en Ares e Fene. De feito, o alumnado ultimaba hoxe mesmo a colocación dunhas novas varandas nas escaleiras que comunican San Valentín coa rúa Tellerías pasando polo Machuco. De acordo co contido do curso, os pasamáns fabricáronse en 8 partes duns tres metros de longo cada unha, utilizando para iso tubaxes e paneis metálicos. Con axuda do profesorado, os participantes deberon medir primeiro a zona, logo deseñar a estrutura e, finalmente, construíla e levala ao sitio, onde quedará instalada cadrando co remate do curso.

Co choio listo, como adoita dicirse, agora só queda dar por rematado o curso. O acto protocolario está fixado para este mércores ás 12.30h. na Casa do Concello, con asistencia de representantes dos municipios implicados no Inicia II e tamén da Xunta, que xestiona os fondos europeos destinados a este e aos outros dous programas por medio da Consellería de Emprego e Industria.

Á finalización do curso, os participantes recibirán o correspondente certificado de profesionalidade. A partir de aí virá o difícil: atopar traballo. Neste sentido, o Concello pon á súa disposición o Servizo de Información e Orientación Laboral, desde onde se lles brindará apoio tanto na busca activa de emprego como na canalización de peticións formuladas por empresas que busquen un perfil profesional coma o deles e delas.