Friday 22 de November de 2024

O Concello de Boqueixón executa as obras de mellora en pistas ao seu paso por dez parroquias


Os tres proxectos de acondicionamento dos viais están incluídos no POS da Deputación da Coruña e supoñen unha inversión de máis de 160.000 euros

O Concello de Boqueixón acomete as obras de mellora en varias pistas municipais ao seu paso por dez parroquias (Boqueixón, Codeso, Donas, Ledesma, Lestedo Loureda, Oural, Sergude, Sucira e Pousada). As actuacións inclúense dentro de tres proxectos do POS+2017 da Deputación da Coruña e comprenden una inversión de máis de 160.000 euros.

“Dende o Concello de Boqueixón centramos grande parte do noso esforzo inversor no arranxo e acondicionamento de pistas do municipio, xa que facilitan a mobilidade dos nosos veciños e veciñas”, indica o alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín. O rexedor explicou que “estes tres proxectos incluídos no POS+2017 mellorarán once quilómetros de camiños municipais”.

Esta semana arrancaron os traballos no lugar de Deseiro, coa apertura de cunetas na pista que vai a Rubial para despois proceder á aplicación da nova capa de rodadura. En concreto, o proxecto, adxudicado a Instalaciones y Obras Candal por 53.193,50 euros, contempla, entre outros, os asfaltados do Camiño de Deseiro de Arriba á Susana; co camiño da AC-960 ata a fronte da Escola Unitaria de Sergude; camiños interiores nos lugares de Pumares e Rubial, ou a pista da Picota a Rubial.

Pola súa banda, estanse a iniciar os primeiros traballos no camiño interior en Ardesende, na parroquia de Codeso, no que se aplicará unha capa de formigón aos seus 2,5 metros de ancho. Dentro deste mesmo proxecto contémplase a próxima execución do aglomerado na pista, de 5 metros de ancho, que vai cára ao aeroporto de Santiago, na parroquia de Loureda. O custo destas actuacións, executadas pola Francisco & Cía, ascende a preto de 54.442,74 euros.

Tamén se atopan en obras o camiño de Ledesma a Codeso, que comprende 3,65 quilómetros de aplicación dunha nova capa de asfalto. Esta pista, de 4 metros de ancho, pasa, a maiores, polas parroquias de Sucira e Donas. O proxecto, adxudicado á empresa Sociedad de Regeneración Medioambiental por 56.406,11 euros, prevé o asfaltado das pistas de Pardiñeiro ó Corral e de Pumariño á capela de Pousada (na parroquia de Pousada); da AC-960 ao cruce de Palmeira (en Oural) e da AC-960 a os lugares de Lamparte e Piñeiro de Abaixo (na parroquia de Boqueixón).