A iniciativa súmase aos cursos gratuítos de informática básica para persoas desempregadas
O Concello de Brión organiza obradoiros gratuítos para o emprendemento, que terán lugar na data que concreten as persoas participantes e que se convocarán en canto haxa un mínimo de 6 persoas inscritas. Trátase duns talleres formativos nos que o alumnado adquirirá recursos, coñecementos e habilidades de cara a creación de empresas.
Así, o alumnado aprenderá as vantaxes e desvantaxes de establecerse como autónomo ou como sociedade, que tipo de contrato facer aos empregados, aprender a manexar unha nómina, como relacionarse coas Administracións (obrigas, impostos, pagos, permisos…) e resolverá todas as dúbidas que poida ter. Os cursos terán lugar os martes e xoves, en horario de 20:00 a 22:00 horas. Para participar só é preciso inscribirse na Casa da Cultura de Brión, no 981 509 908 ou no mail empregobrion@gmail.com. A inscrición estará aberta durante todo o ano e cada curso convocarase en canto haxa un mínimo de 6 persoas inscritas.
Estes Obradoiros para o Emprendemento súmanse aos cursos gratuítos de informática básica para persoas desempregadas, organizados polo Concello de Brión e que se desenvolverán de acordo coa mesma fórmula: convocaranse en canto haxa un mínimo de 8 persoas inscritas. Un curso no que o alumnado aprenderá nocións básicas do manexo dun ordenador, do sistema operativo windows, a manexar un procesador de textos, así como crear e manexar contas de correo electrónico e navegar por Internet.
O curso terá lugar na aula CEMIT de Brión os martes e xoves, en horario de 10:30 a 12:30 horas, na data que concreten as persoas que estean interesadas. A inscrición, polo tanto, estará aberta durante todo o ano na Casa da Cultura, no teléfono 981 50 99 08 ou en empregobrion@gmail.com.