Este grupo de enxeñeiros son os encargados de realizar a auditoría á subministración eléctrica do municipio, para o que empregaron a innovadora aplicación que lles supón este prestixioso recoñecemento por parte do ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia
O Concello de Ordes súmase ás felicitacións á empresa de enxeñería Flinq tras acadar recentemente o Premio Galicia Enerxía 2018 na categoría proxecto emprendedor. Este importante recoñecemento con sona a nivel nacional está outorgado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia. Precisamente esta empresa é que está a realizar a auditoría da rede eléctrica do municipio co fin de incrementar o nivel de eficiencia enerxética, reducir os custos e mellorar o servizo mediante a solución de problemáticas herdadas do pasado.
O xurado quixo recoñecer de maneira especial o traballo levado a cabo por este grupo de profesionais na creación e no desenvolvemento do chamado ‘Mapa Munic’. Trátase dunha aplicación consistente nun mapa GIS e dotado con motor de busca que permite a localización, descrición, inventariado e actualización de todo o sistema de iluminación e equipamento eléctrico dun municipio. “Precisamente foi o Concello de Ordes un dos primeiros en apostar por esta ferramenta”, indica Iago Pedreira, enxeñeiro industrial e un dos seus creadores.
“Vimos que en moitos concellos toda esta información está en soporte papel, ocupando moito espazo e sen posibilidade de actualizala para poder empregala despois de xeito útil”, explica Iago Pedreira. “Coa nosa aplicación pódense facer todos os cambios necesarios de maneira fácil e inmediata”. Outra das vantaxes que ofrece é o seu código aberto, o que posibilita que poida integrarse con outros programas e aumentar as súas posibilidades, á par que reduce a inclusión de novos datos e variables a ter en conta.
Servizo integral
“Empezamos cos sistemas de iluminación eléctrica pero a idea é integrar todos os servizos municipais e poder incluír a recollida de lixo, a subministración de auga etc. Algo que xa puxemos en práctica e que se traduciu, nalgún caso, na redución de custos para o Concello xa que se demostrou que segundo as rutas establecidas non sería necesaria a adquisición de máis camións de recollida”, asegura Iago.
O vindeiro 13 de abril o edificio de Palexco, na cidade da Coruña, acollerá a entrega dos Premios Galicia Enerxía 2018. Unha cita á que xa ten confirmada a súa asistencia o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo. “Para nós é un orgullo poder estar alí outra vez, nesta ocasión como galardoados. Estar a carón de empresas moi importantes e referentes dentro do sector”, asegura Iago Pedreira.
Flinq é unha empresa nova composta por enxeñeiros con experiencia e enfocada a prestar servizos de consultora e asistencia á xestión en administracións públicas, grandes e pequenas empresas e clientela particular. No eido da enerxía destacan por aspectos relacionados coa facturación, optimización da contratación, asistencia técnica, inventariados, auditorías, redaccións de proxectos e pregos para a súa execución, eficiencia enerxética e xestión de subvencións. Cómpre engadir o seu labor dentro das xestións relacionadas con redes hidráulicas ou canalizacións fluviais, o medio ambiente, solucións TIC ou no que se refira á consultora integral.