A localidade vallisoletana de Piñel de Abajo acolleu durante esta fin de semana a decimoprimeira edición da súa feira sectorial centrada no cultivo sustentable e a transformación da froita. Poñentes de distintos puntos do Estado e incluso de Chile achegaron as súas experiencias neste evento, que busca ser referente estatal da agroecoloxía fructícola. San Sadurniño tamén participou no encontro dándo conta do traballo que se está levando a cabo na recuperación e conservación de castes tradicionais en colaboración coa Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume, pero tamén falando doutras actividades que se desenvolven en relación co sector primario.
A XI Feira Ibérica de fructicultura local é un evento moi similar á nosa Feira Rural, aínda que máis especializado -como indica o propio nome- nas técnicas produtivas, a transformación e a comercialización de froita. Todo concibido desde a óptica da sustentabilidade e do aproveitamento de variedades adaptadas a cada territorio.
Unha parte importante da feira céntrase na formación, a través de pequenos obradoiros, uns de carácter lúdico e outros dirixidos especificamente a persoas que están metidas a fondo no mundo da fructicultura. Así, durante a fin de semana houbo talleres de poda, de enxertado, de preparados fitosanitarios elaborados con herbas e plantas e mesmo mesas redondas “onde intercambiar coñecementos e poñer en común proxectos dos que tirar ideas trasladables a outros lugares”, tal e como comenta o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela.
O concelleiro asistiu ao encontro para falar dos proxectos de San Sadurniño dentro dunha charla á que tamén asistiron o paisaxista Francisco Figueroa, o experto en fructicultura Carlos Gil, ademais de Joseba Ibargurengoitia e Guillermina Gacía, da Rede de sementes de Euskadi, quen teñen entre os seus obxectivos preservar e multiplicar as especies fructícolas tradicionais.
“Foi unha charla moi interesante na que cada un falamos do traballo que se fai en cada zona. No noso caso centrámonos en expoñer o labor de dinamización que se pretende facer a través das feiras e mercados xunto co apoio ás entidades que traballan arredor do sector primario e a sustentabilidade. Tamén falamos do proxecto da horta de froiteiras e de todos os programas de dinamización que leva asociados, como son as visitas guiadas, a difusión e aprendizaxe de técnicas de cultivo ou o feito de que se trate da maior colección viva de castes de froita galega fóra dun centro de investigación”, resume Varela.
Porén, o concelleiro engade que, ademais de expoñer estas liñas de traballo, tamén se adiantaron outras iniciativas que se están preparando como “un paso máis” neste ámbito, entre elas a posta en marcha dun pequeno centro comunitario de transformación “que permita diversificar as posibilidades facendo zumes e outros produtos elaborados que teñen un alto valor engadido”.
O titular de Desenvolvemento Local comentou, por último, que a asistencia á feira fructícola de Valladolid serviu tamén para “establecer contactos con outras entidades” e recoller información “moi útil”. Puxo como exemplo o caso do concello de Carcaboso, situado en Cáceres, que conta cun rexistro sanitario propio que lle permite operar na transformación alimentaria, “cun proxecto moi parecido ao que nós estamos valorando levar adiante”.