Friday 22 de November de 2024

A Consellería do Medio Rural e do Mar ofertou este ano preto de 100 cursos de formación marítima e de mergullo


Máis de 1.800 alumnos recibiron formación marítima e de mergullo a través das distintas confrarías e do IGAFA (Instituto Galego de Formación en Acuicultura)

A Consellería do Medio Rural e do Mar ofreceu este ano preto de 100 cursos de formación marítima e de mergullo. A maior parte deles, 93 cursos de formación marítima, impartíronse nas distintas confrarías. Os 6 restantes de mergullo profesional impartíronse no IGAFA (Instituto Galego de Formación en Acuicultura).

Neste centenar de cursos recibiron formación algo máis de 1.800 alumnos. Dos cales máis da metade tiñan unha idade inferior a 30 anos e preto do 20% eran mulleres. A formación en portos comezou no mes de abril deste ano e rematou a mediados deste mes de novembro.

Dos 93 cursos que se ofertaron nas confrarías, 50 son de formación básica, 10 de mariñeiro pescador, 5 de patrón local de pesca, 2 de patrón costeiro polivalente, 5 de formación mínima para o embarque, outros 5 de mariñeiro pescador online, 9 de operador restrinxido do sistema mundial de socorro e salvamento marítimo e 7 cursos de formación sanitaria inicial. Por outra banda, dos 6 cursos de mergullo que se impartiron no IGAFA, 5 son de recolector de recursos específicos con técnicas de mergullo, e 1 de iniciación ao mergullo profesional.

Formación non regrada
Ademais destes cursos, cabe lembrar que tamén se ofertou formación nos centros marítimo pesqueiros dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar: na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol, na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira, no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo e no Instituto Galego de Formación en Acuicultura.

Un total de 100 cursos, que aínda se están a impartir, entre os que están os de mariñeiro pescador, patrón local de pesca, patrón costeiro polivalente, formación básica, formación sanitaria ou de primeiros auxilios para mergullo entre outros. Desta formación estanse beneficiando máis de 2.000 persoas.

Estas accións formativas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do programa operativo FSE de Galicia 2007-2013, cunha taxa de cofinanciamento do 80%. Nestes momentos a Consellería xa lle solicitou ás confrarías unha relación das necesidades formativas do sector do mar para o vindeiro ano para preparar a nova planificación da formación.