O Pleno deste mes caracterizouse polo consenso de todas as forzas en aspectos relacionados con melloras na iluminación pública, creación de zonas verdes ou a promoción do Camiño Inglés. Martínez Sanjurjo deu conta do saldo positivo da liquidación dos orzamentos de 2017
O Pleno municipal de Ordes correspondente ao mes de marzo arrancou coa toma de posesión do novo concelleiro Pablo Vázquez Candal, que pasa a formar parte do Goberno local. Deste xeito a bancada encabezada por José Luis Martínez Sanjurjo pasa de cinco a seis membros. Tras a renuncia de Luis Caamaño Fraga, inicialmente concelleiro de Deportes para, posteriormente, pasar a formar parte do grupo de non adscritos, a acta volve a mans do Goberno.
A sesión celebrada onte caracterizouse polo consenso entre todas as forzas políticas á hora de aprobar as mocións presentadas. Unha constante que se deu en todos os casos agás na petición formulada pola non adscrita Beatriz Martínez de reparar as deficiencias e mellorar o subministro eléctrico en diversos puntos da parroquia de Santa Cruz de Montaos por parte de Unión Fenosa. Un punto no que o voceiro socialista, Alejandro Manteiga se abstivo por entender un conflicto de intereses dada a súa actividade profesional.
Centro de interpretación
Precisamente do Partido Socialista partiu a iniciativa de cara ao recoñecemento e exaltación dos valores culturais, arquitectónicos, históricos e paisaxísticos do Camiño Inglés ao seu paso polas parroquias ordenses de Buscás, Poulo e Pereira mediante a sinalización de elementos patrimoniais, a creación dun roteiro que parta de Ordes e a posta en marcha dun pequeno centro de interpretación.
En base á seguridade de veciños e veciñas o BNG instou a adoptar medidas para o sistema de iluminación pública municipal. No debate deste punto o alcalde ordense avanzou a xuntanza prevista para o mes de abril entre membros da empresa que está a realizar a auditoría deste servizo a petición do Concello e os grupos da corporación. A petición do Goberno local aceptouse que este labores se realizarán segundo o plan marcado polos propios auditores. “Un equipo que precisamente acaba de ser recoñecido a nivel nacional co prestixioso Premio Galicia Enerxía 2018”, puntualizou José Luis Martínez Sanjurjo.
A segunda moción do Bloque Nacionalista Galego acadou actuacións para a creación dun parque autóctono de 2,8 hectáreas na zona verde do polígono industrial de Merelle.
No seu turno de palabra o alcalde informou dos resultados da liquidación dos orzamentos municipais correspondentes ao exercición 2017, os cales reflexan un saldo positivo que roza os 810.000 € cumplindo sobradamente cos obxectivos de estabilidade orzamentaria.
Abastecemento en Queis
Tamén avanzou a intención de instalar un grupo de presión na rede xeral de abastecemento en Queis (Santa Cruz de Montaos), mediante dúas bombas de aceiro inoxidable capaces de impulsar un caudal de 9mm3/h. Un proxecto que se pretende incluír no Plan Complementario do Plan Provincial de Medio Ambiente (PMA) da Deputación Provincial da Coruña.
Por último deu a coñecer as últimas novidades no regulamento da emisora municipal, cuxo Consello reunirase cunha periodicidade de seis meses. O tempo para cada grupo da corporación será de 20 minutos semanais, ademais de terse que dar conta das súas notas de prensa.