O prazo para a presentación de candidaturas remata o vindeiro 5 de decembro
Tralo enorme éxito da primeira convocatoria do Programa de cooperación interuniversitaria ‘Iacobus’, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT) lanza agora unha segunda convocatoria deste programa.
Esta segunda fase ten un financiamento de cen mil euros e inclúe proxectos de intercambio entre profesores, investigadores, persoal administrativo e de servizos das Institucións de Ensino Superior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal entre o 1 de xaneiro e o 30 de abril de 2015.
A AECT lanzou a primeira convocatoria en xullo de 2014, sendo aprobadas 118 candidaturas, das que 72 eran españolas e 46 portuguesas. Do total de candidaturas presentadas 73 eran de para persoal docente e investigador, 30 para investigación e 15 para persoal de administración e servizos, incluíndo practicamente tódalas áreas científicas.
O programa ‘Iacobus’ pretende fomentar a cooperación e a mobilidade académica no espazo universitario luso-galaico, apostando polo desenvolvemento de proxectos formativos e de investigación científica comúns. Trátase dun proxecto de formación continua que xunta 11 institucións de ensino superior do Norte de Portugal e de Galicia.
As candidaturas deberán enviarse por correo certificado ata o 5 de decembro de 2014 á sede da GNP-AECT: Rúa Eduardo Cabello, s/n. Edificio CETMAR, 2º piso. 36208- Bouzas, Vigo. Tamén poden ser presentadas nas institucións referidas na propia convocatoria e na Fundación CEER, que deberán envialas á AECT antes do 5 de decembro.