Friday 22 de November de 2024

Alumnado do CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso plantan 25 carballos e 5 castiñeiros na contorna do hipermercado Vegalsa-Eroski noiés


Nas labores de reforestación participaron un cento de alumnos e alumnas de primaria, acompañados polos seus profesores, directivos da empresa e o alcalde e concelleiros do Concello de Noia

A compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski continúa promovendo o valor da sostenibilidade medioambiental entre os escolares galegos a través do seu proxecto “Unha árbore, unha historia”. Unha iniciativa coa que busca achegar o seu compromiso coa contorna natural aos máis pequenos da casa cun concurso literario de relato curto e facéndoos partícipes dos labores de reforestación que a compañía leva a cabo cada ano nas inmediacións dos seus establecementos.

Nesta ocasión, a empresa levou a cabo unha plantación de 30 especies arbóreas (25 carballos e 5 castiñeiros) nas inmediacións do seu Hipermercado Eroski Noia. Un labor que levaron a cabo máis dun cento de alumnos e alumnas de Terceiro, Quinto e Sexto de Primaria do CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso, que se atopa nas inmediacións do establecemento. Unha acción á que se sumaron directivos de Vegalsa-Eroski, como a directora de RSC, Comunicación e Área Cliente, Gabriela González; o alcalde de Noia, Santiago Freire; e a concelleira de Parques e Xardíns, Comercio e Hostalería, Mariola López Cierto.

Durante a cita, a empresa fixo entrega tamén dos premios do certame literario de relato curto aos gañadores do centro noiés que participaron na terceira edición do concurso “Unha árbore, unha historia”. As galardoadas foron Flavia Suárez, Sara Queiro e Uxía Mariño.

Santiago Freire aproveitou para felicitar ao alumnado do CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso por participar neste proxecto, pois “a concienciación medioambiental é fundamental a todas as idades pero, especialmente, entre os máis novos” e animounos a “coidar dos espazos verdes do noso municipio”. Pola súa banda, Mariola López Cierto, felicitou tanto ás tres gañadoras como a todos os alumnos e alumnas que participaron no concurso e desexou que “cada unha destas árbores que hoxe plantades teña tamén a súa propia historia”.

Humanización

Vegalsa-Eroski leva preto de 10 anos humanizando as inmediacións das súas enseñas comerciais e reforestando zonas industriais con plantacións de árbores autóctonas para compensar o CO2 emitido polos seus camións e pola actividade comercial. Nos últimos anos, a compañía decidiu estender o seu compromiso medioambiental ao máis pequenos activando a iniciativa “Unha árbore, unha historia” na que aúna o fomento da literatura co coidado do entorno natural.

As claves da política medioambiental que a compañía implementa dende hai anos en todos os seus establecementos contemplan unha maior xestión de residuos, mellor eficiencia enerxética e redución das emisións contaminantes. Medidas, en definitiva, de Responsabilidade Social Corporativa que ven máis aló do mero cumprimento legal, reforzando o compromiso co coidado do medio natural de Vegalsa-Eroski e que lle dá continuidade ao “Programa de Desenvolvemento Residuo Cero” co que autoxestiona os residuos que xera e que permitiu á compañía reciclar en 2017 un 4% máis ca en 2016.

Vegalsa–Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 262 establecementos, entre propios e franquiciados, baixo as marcas comerciais Hipermercados e Gasolineiras Eroski, Eroski Center, Autoservicios Familia, Cash Record, Eroski City e Aliprox. A súa estrutura comercial en Galicia esténdese polas catro provincias e conta cunha moderna plataforma de mercadorías xerais preto de Santiago, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense. Pola súa parte, a división de Autoservicios Cash Record de Vegalsa-Eroski conta cun mapa comercial composto por 19 centros distribuídos homoxeneamente entre Galicia e Asturias, con doados e rápidos accesos nas áreas empresariais con boas comunicacións.