Friday 22 de November de 2024

Aprobado o inicio do procedemento de liquidación do contrato con Setex Aparqui


A Xunta de Goberno aprobou este venres o inicio do procedemento para a liquidación do contrato con Setex Aparqui para a xestión dos servizos de ORA e do guindastre, contrato declarado nulo por sentenza xudicial no ano 2015. O Executivo compostelán entende que a empresa ten que indemnizar ao Concello por danos e perdas, e tamén que os bens, equipos e servizos e instalacións adscritos á concesión reverten no Concello.

Segundo o informe da liquidación aprobado hoxe, Setex debe aboarlle ao Concello en concepto de indemnización por danos e perdas, 630.679,93 euros. Desta cifra habería que descontar 121.957,11 euros, que a empresa da tiña pagado en concepto de canon fixo no período de decembro de 2014 a febreiro de 2016. Ao tempo, o informe sinala que o Concello devolveralle a Setex a cantidade de 336.945 euros en execución da sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo nº2 de Santiago con data 19 de maio de 2016, cos xuros de demora correspondentes. Esta sentenza referíase ao canon variable e, tal e como apuntou o concelleiro Xan Duro, “nese fallo o xuíz apuntaba que os pregos do concurso de adxudicación da ORA e do guindastre, en 2011, non deixaban o suficientemente claros os termos do canon variable nin como se debería calcular esa cifra”.

Parquímetros
O informe de liquidación do contrato con Setex sinala tamén que os bens, equipos e servizos e instalacións adscritos a ditos servizos reverten á corporación. É o caso dos parquímetros, ofertados como mellora na adxudicación por parte da empresa. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia incidiu en que “hai xurisprudencia abondo que avala que as melloras ofertadas por unha adxudicataria, teñen que reverter na administración que realiza a concesión”. Xan Duro aclarou que a empresa terá un prazo de dez días para presentar as alegacións que considere oportunas.

Por último, o informe da liquidación advirte da posibilidade de que o Concello lle repercuta a Setex calquera indemnización que os tribunais de xustiza obriguen a abonarlle a Doal, a empresa que resultara segunda clasificada no proceso de adxudicación da ORA e do guindastre. O informe sinala que esa repercusión sería posible porque a nulidade da adxudicación a Setex ten a súa orixe na conduta desta empresa faltando á boa fe contractual. En todo caso, a resolución xudicial sobre esta cuestión está aínda pendente, e tería que ser incorporada á liquidación con Setex a posteriori.