O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro participou no acto co que remata un ciclo de seis meses dedicado á aprendizaxe de xestión de sistemas informáticos
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego de garantía xuvenil Coruña II, no que doce alumnos-traballadores recibiron formación teórica e práctica na especialidade de Xestión de Sistemas Informáticos. A iniciativa contaba cun investimento de máis de 112.000 euros e completa a súa función, logo de seis meses de traballo, a finais deste mes.
O obradoiro, que comezou o pasado 29 de setembro, tiña como misión fundamental aposta en funcionamento dun proxecto de xestión de sistemas informáticos nos equipos do servizo municipal de Emprego e Empresa do Concello da Coruña. Os alumnos estiveron a cargo dun equipo de profesionais formado pola directora, Dolores Cordero, dous mestres e unha auxiliar administrativa. Enmárcase no compromiso do Goberno galego por facilitar a incorporación ao mercado laboral, con especial atención á mocidade, xa que este é un dos oito obradoiros promovido desde o Fondo de Garantía Xuvenil.
No acto, celebrado no Salón Real do Pazo de María Pita, contou tamén coa presenza do concelleiro de Economía, Emprego, Comercio e Turismo, Alberto Lema. A provincia da Coruña acolle durante o presente curso un total de 24 obradoiros de emprego, 16 deles de carácter xeral, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e oito de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas estanse a investir en políticas activas de emprego máis de 5,4 millóns de euros na provincia.
Estes obradoiros permiten que un total de 440 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas de 59 municipios. Os participantes reciben ao remate un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos. Os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil realízanse, ademais da Coruña, en Ames compartido con Brión; Carballo; Fene compartido con Ares, Neda, Mugardos e Cabanas; Santiago; Muros compartido con Carnota; Oleiros; e Boiro.
Pola súa banda, os obradoiros xerais, cada un con 20 prazas e pro primeira vez con nove meses de duración, estanse a impartir en Oza-Cesuras compartido con Coirós; Ribeira compartido con Porto do Son; Abegondo compartido con Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras e Paderne; Ferrol; A Laracha compartido con Arteixo; Monfero compartido con Aranga, Irixoa e Vilarmaior; Boqueixón compartido con Vedra; Santa Comba compartido con Mazaricos e Dumbría; Betanzos compartido con Abegondo, Carral, Coirós e Paderne; Padrón compartido con Rois e Dodro; As Pontes; Mugardos compartido con Ares, Fene, Cabanas e Neda; Cambre compartido con Sada; Miño compartido con Paderne e Pontedeume; Touro compartido con O Pino; e Ordes compartido con Frades.
Impulso ao emprego estable
Os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou o “compromiso claro da Xunta para traballar na creación de postos de traballo de calidade, estables e coa mirada posta no futuro”. Rodeiro fixo fincapé no “obxectivo claro de dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reincorporarse ao mercado laboral. Non podemos esquecer ademais”, engadiu, “que grazas a estes obradoiros centos de persoas obterán un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación aos directores, ao persoal docente e administrativo.
Ovidio Rodeiro admitiu que este pipo de actos “supoñen unha especial satisfacción para a Xunta, sempre comprometida na busca de oportunidades para a xuventude”. “Tendes agora a oportunidade de demostrar que soubestes aproveitar esta oportunidade”, sinalou, antes de pedirlles aos 12 alumnos-traballadores que non se desanimen “na profesión de buscar un emprego”. Rematou agradecendo ao persoal docente “o esforzo por trata de transmitir, xa non so os coñecementos, como o espírito de loita e emprendemento que vai a levar a estes rapaces a encarrilar o seu futuro profesional”.