Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame inicia as obras de mellora no acceso a Berrimes, orzamentadas en case 14.000 euros


O Concello de Lousame vén de iniciar as obras de mellora nos accesos a Berrimes, localidade da parroquia de Lousame. Uns traballos que consisten na mellora da capa de rodaxe dun dos accesos a esta aldea e na recollida de augas pluviais na zona. As obras contan cun orzamento de 13.774 euros e están incluídas dentro do Plan Único de Concellos POS+2017.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, salienta que “comezamos escavando unha zanxa por onde irá a tubería para a recollida de pluviais e despois repararemos a capa de rodaxe desta estrada, previa reparación de fochancas”. Villaverde encadrou esta obra dentro das distintas actuacións que dende o Concello de Lousame se está a realizar nestes últimos anos para mellorar os accesos ás distintas localidades do municipio.

Os traballos están divididos en dous treitos de 250 e 90 metros de longo e 5 metros de ancho onde se mellorará a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación das fochancas actuais e a ampliación do ancho da calzada en medio metro a cada lado. Así mesmo, colocaranse 96 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón baixo a que se canalizará unha tubería e catro arquetas con sumidoiro para a recollida de augas pluviais. Ademais, a obra permitirá tamén dar servizo de saneamento a un par de vivendas da localidades.

Anteriores actuacións

Estas obras veñen continuar as realizadas hai agora un ano nesta mesma aldea, onde se mellorou a capa de rodaxe en dous treitos de camiño, de 150 e 130 metros de lonxitude, a través da reparación das fochancas e a aplicación dun tratamento asfáltico superficial e rego de selado. Así mesmo, aproveitouse para anchear ambas estradas nun total de 230 m2, polo que a actuación tivo lugar sobre unha superficie de 1.760 m2.

Ademais, as obras permitiron a construción dunha cuneta de seguridade revestida de formigón a ambos lados de ambos treitos de estradas, baixo a que se instalou unha tubería de recollida de augas pluviais en PVC de 315 cos seus correspondentes sumidoiros. As obras, orzamentadas en 66.769 euros, foran adxudicadas por 45.496 euros.