Friday 22 de November de 2024

Galicia lidera o crecemento de viaxeiros aloxados no mes de outubro a nivel estatal


Galicia rexistrou un crecemento do 15,5% no volume de viaxeiros aloxados, ata situarse nos 334.816 viaxeiros, e do 13,7% no nivel das pernoitas acadando as 645.332

En outubro rexistrouse un importante crecemento no volume de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros galegos do 15,5% ata situarse nos 334.816 viaxeiros. O nivel de pernoitas ascendeu tamén ata as 645.332, o que supón un 13,7% máis que no mesmo mes do pasado ano.

Esta é a primeira vez dende o ano 2010 no que a demanda hoteleira en Galicia amosa un comportamento positivo neste mes de outubro, circunstancia que se produce ademais de forma intensa o que leva a que a nosa Comunidade recupere en boa medida os niveis de demanda que tiña antes da crise. En termos porcentuais o crecemento deste ano aseméllase ao observado naquel Ano Xacobeo de 2010.

A nivel estatal observouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con incremento tanto do volume de viaxeiros aloxados –do 7%- coma das pernoitas –que soben un 5,1%-. Neste mes de outubro Galicia foi unha das comunidades máis dinámicas do conxunto do Estado. A nosa Comunidade liderou o crecemento da cifra de viaxeiros aloxados e xunto con Murcia son as comunidades cun incremento máis acusado na cifra de pernoitas.

O bo comportamento da demanda produciuse como consecuencia do crecemento rexistrado polo turismo receptor. O turismo nacional mellorou as súas pernoitas nun 18,6%. Este crecemento destaca ademais de pola súa intensidade porque é o primeiro mes de outubro desde o Ano Xacobeo de 2010 que se observa unha mellora dos niveis de demanda deste segmento de mercado. Pola súa banda, o turismo internacional incrementouse nun 22,3% no referido ás pernoitas. Deste modo, continúa a senda marcada nestes últimos anos e marca novamente neste mes de outubro máximos históricos tanto de volume, superando por vez primeira a barreira dos 100.000 viaxeiros en outubro e rexistrando máis de 164.000 pernoitas, como de peso no conxunto da demanda, supoñendo xa o 30,4% dos viaxeiros e o 25,5% do total das pernoitas na Comunidade.

A nivel territorial experimentouse un comportamento homoxéneo da demanda hoteleira ao subir en todas as provincias e de maneira notable. A Coruña e Ourense rexistran un incremento do 20% nas pernoitas hoteleiras e en Lugo e Pontevedra a demanda sobe un 13% e un 4,7% respectivamente.

O incremento da demanda produciuse nun contexto de leve crecemento da oferta, isto é, o número de prazas abertas subiu un 4,2% en relación ao pasado ano.

En termos globais isto supón unha mellora do nivel de ocupación dos hoteis e pensións de Galicia neste mes de outubro que supera en 2,7 puntos porcentuais o dato do pasado ano-. Por primeira vez desde o ano 2007, a ocupación hoteleira en Galicia sobe neste mes de outubro nun ano non Xacobeo.

No que re refire ás tarifas hoteleiras subiron en Galicia neste mes ata os 51,7 euros de media. A mellora das cifras de ocupación hoteleira producida nun contexto no que as tarifas hoteleiras tamén subiron permitiron aos establecementos hoteleiros da nosa comunidade mellorar neste décimo mes do ano os seus niveis de rendibilidade empresarial. O RevPAR hoteleiro incrementouse nun 10%.

De xaneiro a outubro
Nos primeiros dez meses deste ano 2014 Galicia rexistrou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros da comunidade, do 7,6% en relación ao pasado ano, rexistrando máis de 3,26 millóns. Subiron tamén neste período de tempo as pernoitas, nun 4,8%, rexistrando máis de 6,35 millóns.

É o segundo ano consecutivo no que se observa unha mellora dos niveis de demanda hoteleira neste período de dez meses, situando os niveis de demanda deste ano, en termos de viaxeiros, nos máis elevados desde o inicio da crise, a excepción do Ano Santo 2010.

En termos de mercado observouse certa homoxeneidade no comportamento dos principais segmentos de mercado. O mercado receptor nacional subiu nun 4,8% mentres que o internacional presentou un incremento acumulado do 10,6% . O turismo internacional acadou en Galicia un máximo histórico de viaxeiros aloxados –superando por vez primeira o nivel dos 900.000 neste período de dez meses- e de pernoitas –con máis de 1,45 millóns- así como de peso no conxunto da demanda –co 28% dos viaxeiros e o 23% das pernoitas acumuladas-.

O incremento da demanda permitiu mellorar tamén as cifras de ocupación do sector en 1,4 puntos porcentuais con respecto ao acumulado do pasado ano.