Friday 22 de November de 2024

A Casa da Cultura de San Sadurniño acolle este sábado o acto central co gallo do Día Internacional da Muller


O Concello de San Sadurniño programou para este sábado o último acto conmemorativo do 8 de marzo, Día Internacioal da Muller. Unha cita que arrancará ás 18.00h. na Casa da Cultura reeditando a fórmula de combinar audiovisual e música en clave feminina. O obxectivo do evento é reivindicar a igualdade en todos os ámbitos -no fogar, laboral, da liberdade sexual, etc.- pero tamén visibilizar a achega fundamental que facemos as mulleres á sociedade. Será un acto breve -arredor dunha hora- que se encherá con dúas proxeccións encadradas no encontro audiovisual Chanfaina Lab -as dúas feitas e protagonizadas por mulleres-, cunha peza teatral da Escola do Padroado da Cultura de Narón e coa música participativa de Sandra Tenreiro e o seu proxecto “InfuSóns”.

O programa arrancará co pase da curtametraxe “Nós mesmas”, filmada no último Chanfaina Lab pola parlamentaria Ana Pontón. A curta lanza unha mensaxe que racha cos tópicos sobre as mulleres do rural e os seus anhelos. Para iso a directora entrevistou a cinco mulleres de distintas idades e xuntou os seus testemuños con imaxes dunha viaxe do tren Ferrol-Ribadeo, metáfora dun camiño percorrido… pero tamén dun camiño que aínda falta por percorrer.

Trala curtametraxe presentarase brevemente o acto para darlle paso á montaxe teatral “Onde vai o meu nome”, da Escola de Teatro do Padroado de Cultura de Narón. Sobre un texto de Flor Maceiras e Pablo Sánchez, as 20 alumnas e alumnos da escola teatral pensan en común sobre o seu propio nome e a súa relación coa identidade persoal e colectiva das mulleres, no marco dun mundo organizado, aínda hoxe, sobre profundos piares de desigualdade de xénero. O espectáculo está pensado para maiores de 14 anos e dura arredor de 35 minutos.

Ao remate da obra volverá o audiovisual -e de novo o Chanfaina Lab- coa curta “Historia do cisne, o atún e a troita”, realizada por de Consuelo Picos, Carmen Couce, Carmen Bouza, Cruz Piñón e Lucía Pita. As compoñentes do proxecto Teño unha horta en San Sadurniño sírvennos unha narración en clave feminina sobre o nacemento, funcionamento e final da conserveira El Cisne, montada na zona da Bidueda ao abeiro das axudas para as Zonas de Urxente Reindustrialización que seguiron á reconversión naval dos anos 80. Hai unha chea de documentación nas hemerotecas sobre esta fallida experiencia industrial, pero ata o momento ninguén levara a súa historia ao terreo audiovisual. A curta afonda principalmente nos aspectos humanos, no que supuxo para o empoderamento das mulleres -a maior parte do cadro de persoal era feminino- e no xeito en que tamén elas levaron a cabo a loita obreira para frear un peche inevitable.

O acto central co gallo do Día Internacional da Muller finalizará coa música de Sandra Tenreiro con “InfuSóns”, no que esta mestra de música lle canta á vida, á afouteza e á igualdade. Temas cunha mensaxe de apoio ás mulleres que están en situacións de violencia de xénero, pero tamén sobre o amor e a reivindicación dunha vida coas mesmas oportunidades.

A conmemoración oficial do Día Internacional da Muller é, como non podía ser doutro xeito, un evento aberto a homes e mulleres e con entrada gratuíta. Todas as persoas asistentes recibirán como agasallo un marcapáxinas coa mesma imaxe que ilustra o cartel deste ano, onde aparecen tocándose as mans da muller máis anciá e da máis noviña de San Sadurniño. Dunha banda Claudina Muíño, nada en maio de 1916, e doutra Briana Tuimil, nacida en xaneiro de 2018, separadas por 101 anos de idade e 101 anos de conquistas sociais femininas que aínda deben continuar no futuro para acadar a igualdade plena.

Charla sobre autocoidado para coidadoras e presentación de “Invisibles”
Desde a área de Igualdade tamén se informa doutros dous eventos que terán lugar nas próximas semanas. O primeiro é a presentación do libro “Invisibles”, da escritora e xornalista Montse Fajardo. A autora estará en San Sadurniño o xoves 12 de abril entre as 15.20 e as 16.50h. para falarlle á rapazada da ESO do CPI da súa obra “Un cesto de mazás”, onde recupera a memoria das mulleres que tamén foron vítimas da Guerra Civil. Ás 20.30h. fará o propio con “Invisibles. Relatos do maltrato” na Casa da Xuventude, aínda que xa nun acto aberto a toda a veciñanza. Neste caso o libro retrata a lacra social da violencia de xénero a través das testemuñas en primeira persoa de sete mulleres que a sufriron.

A outra cita é unha charla impartida pola Fundación Mujeres que terá lugar tamén na Casa da Xuventude o xoves 19 a partir das 17.00h. A actividade denomínase “Saúde e autocoidado para coidadoras” e diríxese a persoas que son ou foron coidadoras de persoas dependentes. Nela falarase sobre a autoestima, a xestión do tempo, a relaxación e outros aspectos que poden contribuír a mellorar o benestar persoal de quen afrontan estas situacións e que, con frecuencia, se ven absorbidas ou superadas por ela. Trátase dun obradoiro grupal que abordará a saúde de forma integral, os hábitos beneficiosos, como recuperar o tempo propio, a xestión de emocións ou as relacións interpersoais.