As 50 persoas maiores que están a participar no curso da Universidade de Santiago “Camiños de Coñecemento e Experiencia” visitaron esta mañá a cidade compostelá no marco da programación desta iniciativa que conxuga arqueoloxía, música e patrimonio cultural.
A estancia dos barbanzáns na capital de Galicia adscríbese a esta última parte, titulada Historia da cultura de Galicia, que comprendeu unha parte práctica no Centro Cultural Lustes Rivas titulada “O poder dos libros e os libros do poder na Terra de Santiago na Idade Media”, impartido pola doutora Mercedes López-Mayán, profesora da Facultade de Humanidades e Documentación da UDC e deste Programa Universitario de Maiores.
A actividade de hoxe incluíu a visita ao Arquivo da Catedral de Santiago de Compostela para coñecer algunhas das testemuñas escritas máis antigas sobre a Terra de Santiago, importante dominio dos arcebispos composteláns, que abranguía a Comarca do Barbanza.