Friday 22 de November de 2024

O Aldebarán-Intasa recibe este sábado ao cvleganes.com no terceiro encontro dos play off de ascenso… e despois, festa


 

O equipo absoluto do Club Deportivo Aldebarán xoga este sábado na casa -pavillón municipal, 19.30h.- o seu terceiro encontro da fase de ascenso á Superliga. Tras dúas victorias contundentes ante o Emevé e o Podes i Tales, a formación dirixida por Charly Suárez e Parga recibirá aos madrileños do cvleganes.com. O obxectivo principal é continuar invictos para chegar con comodidade ao tramo final do playoff que, malia a boa macha dos locais, aínda está por decidir. O equipo sairá á pista co ánimo a tope e agarda que as bancadas volvan encherse de afección nunha xornada que quere ser festiva e que, de feito, o será por partida dobre, xa que o club de volei e a UDC Narahío organizan esa mesma noite unha cea baile a base de cocido no restaurante La Concha, onde actuará a orquestra París de Noia. Quen aínda non se apuntase pode facelo chamando aos teléfonos 981 363 469 ou 647 750 423. O prezo: 25€ a cea co baile ou 6€ se só se vai ver a orquestra.

O Aldebarán-Intasa avanza imparable na fase de ascenso á máxima categoría do volei estatal. O equipo está nunha forma óptima e exhibe un empaque e unha efectividade no xogo aínda maiores que na liga regular. Vímolo no zoco que lle meteu ao Emevé de Lugo o pasado día 10 e puidemos velo tamén a pasada fin de semana contra o líder do Grupo B, o Podes i Tales de Manacor, a quen lle ganaron a domicilio por 1 set a 3 nun encontro espectacular propio dunha grande final.

De momento as cousas están así: o Intasa vai primeiro da táboa clasificatoria con 6 puntos, seguido dos manacoríes e do cvleganes.com con 3 e, por último, o Emevé que perdeu os dous partidos disputados. Hai vantaxe, pero non tanta como para confiarse. O sábado o play off chega ao seu ecuador e é fundamental superalo con nota para marcar distancias, tendo en conta que o partido que se xogará ás 19.30h. no pavillón municipal é contra un dos perseguidores inmediatos, o cvleganes.com.

Por outro lado tamén hai que ter en conta que a partir de aí quedan outras tres xornadas por disputar das que dúas son fóra da casa, unha o 7 de abril en Lugo contra o Emevé, a seguinte o día 14 recibindo ao Podes i Tales CV Manacor e a última, o día 21, na cancha dos de Leganés. O Aldebarán-Intasa sairá este sábado á pista cunha única idea: vencer pola máxima. Algo que lle daría un plus de tranquilidade e que lle permitiría afrontar o tramo final con suficiente maínzo no hórreo por se houbese algún tropezo. Ademais, tamén conta coa afección, que seguramente encherá o pavillón e arroupará ao equipo nas citas pendentes de Lugo e Madrid.

Cea baile a medias coa UDC Narahío
A festa do volei deste sábado irá acompañada pola noite dunha cea baile organizada polo Aldebarán e o club de fútbol de Naraío na sala de festas La Concha. O menú estará composto por sopa de cocido, cocido, sobremesa, bebida, café e un licor de acompañamento.

A cea baile ten un prezo de 25€ e estará amenizada pola orquestra París de Noia. A entrada só para a orquestra é de 6€. Para reservar prato é necesario contactar directamente con La Concha nos teléfonos 981 363 469 ou 647 750 423.