Friday 22 de November de 2024

Santiago de Compostela súmase ao proxecto “As pegadas de Rosalía”


O Concello de Santiago vén de adherirse ao proxecto denominado “As pegadas de Rosalía”, unha Ruta Rosaliana da que tamén forman parte os concellos de Padrón, Ames e Brión. Trátase dun itinerario circular que parte da praza de Vigo e chega ao Panteón de Galegos Ilustres, despois de percorrer lugares vinculados á vida de Rosalía de Castro como San Xoán de Ortoño, a igrexa de Bastavales, en Brión, ou a colexiata de Iria Flavia, en Padrón.

O alcalde, Martiño Noriega, deu conta da participación de Santiago no proxecto nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polos rexedores de Ames, José Miñones, e Brión, José Luis García; a concelleira de Cultura e Turismo de Padrón, Lorena Couso, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Tamén participou María Luísa Ferreiro, en representación da empresa Galicia es +, promotora do proxecto.

A Ruta Rosaliana
“As Pegadas de Rosalía” toma como referencia a ruta deseñada polo falecido Avelino Abuín de Tembra. Parte da praza de Vigo de Santiago, lugar onde naceu Rosalía de Castro o 24 de febreiro de 1837. Posteriormente discorre por lugares como San Xoán de Ortoño, en Ames, lugar de nacemento do pai de Rosalía e do Seminario de Estudos Galegos; a igrexa de Bastavales, en Brión, cuxas campás foron cantadas pola escritora; e a colexiata de Iria Flavia, o Pazo de Arretén e a Casa de Rosalía, no concello de Padrón. A última parada do roteiro circular é, de volta en Santiago, o Panteón de Galegos Ilustres da igrexa de San Domingo de Bonaval, onde está soterrada a autora.

Polo de agora, a ruta de “As pegadas de Rosalía” está concibida para ser percorrida en coche ou en autobús, pero o obxectivo é deseñar itinerarios para que o roteiro poida ser realizado en bicicleta ou mesmo a pé. Nas páxinas web de cada concello participante pódese atopar o folleto do proxecto, así como unha contorna web 360.

Santiago, parte fundamental da ruta
O alcalde recoñeceu hoxe que “non tiña sentido que Santiago non participara nesta ruta de interese cultural e turístico, porque a pegada de Rosalía en Compostela é evidente, como tamén o é a pegada de Compostela na obra da escritora”. Martiño Noriega tamén reivindicou a figura de Rosalía “como icona e lugar de encontro no país”.

Nesa idea incidiron tamén os representantes dos outros concellos, que tamén agradeceron que o Concello de Compostela decidira sumarse ao proxecto e gabaron a unidade de acción entre os catro municipios nesta iniciativa.

O alcalde de Ames, José Miñones, quixo lembrar que Rosalía ten un forte vínculo co seu concello porque “aquí está a casa onde naceu o seu pai, foi tamén onde xurdiu o Seminario de Estudos Galegos, e quedan moitos lugares rosalianos por descubrir, sobre todo nas ribeiras do Sar”. Pola súa parte, o alcalde de Brión, José Luis García, reivindicou o símbolo “das campás da Igrexa de Bastavales, que aparecen en Cantares Gallegos, e que aínda se poden escoitar a día de hoxe”. Por último, a concelleira de Turismo e Cultura de Padrón, Lorena Couso, incidiu en que “os catro concellos que participan no proxecto non tiveron que inventar nada, só foi preciso poñer en valor o patrimonio rosaliano que sempre estivo aí”. Tamén apuntou que “Rosalía é un dos principais sinais de identidade de Padrón, un pobo pequeno en habitantes e extensión pero que pode presumir de ser o berce da autora de Follas Novas, de Camilo José Cela e do fenómeno xacobeo”.

Na presentación participou tamén o presidente da Fundación Rosalía de Castro, que presta asesoramento para o desenvolvemento do proxecto “As pegadas de Rosalía”. Anxo Angueira cualificou de “felicidade que Santiago se sume a este proxecto, que celebra as cousas que nos unen, como o río Sar, o Camiño de Santiago ou a propia figura de Rosalía”. Tamén se mostrou convencido de que a Ruta Rosaliana “achéganos á figura da escritora, pero tamén á historia de Galicia, á súa arte e á súa natureza”. O presidente da Fundación Rosalía rematou lembrando a Avelino Abuín de Tembra que, dixo, “foi o primeiro en ter a idea de crear unha ruta polos lugares rosalianos”.

“As Rosalías da Vida”
Na rolda desta mañá tamén se presentou o evento “As Rosalías da Vida”, que se vai celebrar o 26 de marzo coincidindo co Día do Cancro Uterino, enfermidade da que faleceu a autora. Trátase de visitas teatralizadas á Casa Museo de Rosalía en Padrón, unha ás 18:00 e outra ás 19:00 horas. As dúas terán prazas limitadas, e é preciso inscribirse a través do teléfono 646 593 319 ou no correo electrónico turismo@padron.gal.

No mesmo día, ás 20:00 horas, haberá unha mesa redonda aberta ao público, con relatoras identificadas como “As Rosalías da Vida”, que representarán a todas esas mulleres que se senten “un pouco Rosalías”. Este último acto é aberto ao público ata completar aforo.