Os profesores son bombeiros especialistas na materia do Consorcio Provincial de Pontevedra e do Consorcio Comarcal de Deza-Tabeirós
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, acompañado do comisario xefe da Policía Autonómica, José Antonio Álvarez Villar, presenciou o desenvolvemento das prácticas de rescate que está facendo parte do persoal do grupo ERPOL (Equipo de Resposta Policial) da UPA en augas do río Ulla. Esta actividade enmarcase dentro do curso de rescate en riadas e salvamento acuático, programado pola Academia Galega de Seguridade Pública durante esta semana.
Esta actividade tivera xa unha primeira edición no ano 2012, na que se formaran a metade dos membros do grupo ERPOL, parte dos cales actuaron nesta nova edición como guías dos seus compañeiros, axudando ao profesorado do curso, que nesta ocasión son bombeiros especialistas pertencentes ao Consorcio Provincial de Pontevedra e ao Consorcio Comarcal de Deza-Tabeirós.
Todos eles se integran ademais nun equipo multidisciplinar en salvamento e rescate acuático que xa ten feito varias intervencións salientables nesta materia, comprobando que a formación recibida resulta axeitada para estas tarefas de auxilio á cidadanía ou de busca de persoas desaparecidas no medio acuático.
O programa do curso, comprende materias teóricas e prácticas como hidroloxía -dinámica da auga e inundacións-; identificación, prevención e mitigación dos riscos; equipamento de protección persoal e de rescate; embarcacións e bombas de achique; filosofía do rescate; xestión dos rescates e Opcións de rescate e autorrescate.
Así mesmo, os participantes tamén abordaron como facer entradas á auga; vadeos; nado adaptado e nado de aproximación; toma de contacto e control do accidentado; remolque e extracción; traslado de vítimas; instalacións de apoio ao rescate con cordas e manobras con material de rescate en altura.