Monday 25 de November de 2024

Compostela celebra o Día dos Bosques cunha plantación en Lamas de Abade e con visitas guiadas polos parques


Hoxe, 21 de marzo, celébrase o Día Internacional dos Bosques e a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia vaino conmemorar a partir de mañá cunha ampla axenda de actividades. A cita máis salientable será unha plantación nunha parcela de titularidade municipal en Lamas de Abade. Ademais, nos próximos días haberá roteiros temáticos polos parques de Santiago, en colaboración co Museo de Historia Natural da USC.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou as actividades organizadas para conmemorar o Día Internacional dos Bosques, que este ano leva por lema “Bosques por unhas cidades sostibles”. Na rolda de prensa tamén participaron o director do Museo de Historia Natural da USC, Marcos González; e o xerente de Ferrovial en Santiago, Luis Incera.

Plantación en Lamas de Abade
A actividade central da celebración de mañá será a plantación de árbores nunha parcela de titularidade municipal en Lamas de Abade, ao carón da escola infantil Raiola. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que se trata da finca na que o Concello retirara eucaliptos que supoñían un risco en caso de incendio.

Xan Duro sinalou que esa especie foránea “vai ser substituída por 254 unidades de árbores frondosas e froiteiras, como bidueiros, freixos, acivros, loureiros, carballos, maceiras, cerdeiras e pereiras”. Está previsto que na actividade participe o alumnado dos centros de ensino próximos, así como o alcalde, Martiño Noriega. Ademais, nos vindeiros días contribuirán á recuperación da finca outros colexios de Compostela.

Roteiros temáticos
Tamén con motivo da celebración do Día Internacional dos Bosques, o Concello volve colaborar co Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago, que desta vez ten organizados uns roteiros temáticos polos parques da cidade. O primeiro será o venres, a partir das 17:00 horas, e permitirá descubrir o Parque de Vista Alegre e o propio Museo. Para o sábado, 24 de marzo, está prevista unha visita á Alameda e ao Campus Vida, con saída do Palco de Música da Alameda ás 12:00 horas. Tamén para o sábado 24, pero a partir das 17:00 horas, está organizado outro roteiro para coñecer os recunchos verdes da cidade histórica e o parque de Bonaval. Neste caso, a saída será da porta principal do Pazo de Fonseca. Todas as visitas estarán guiadas por María José López, doutora en Bioloxía e especialista en Zooloxía, e por Daniel Castro, doutor en Bioloxía e especialista en Botánica.

O director do Museo de Historia Natural explicou que os roteiros pretenden mostrar “os valores ecolóxicos e mesmo históricos dos parques e xardíns que temos máis preto, e explicar que cando se fala de medio natural non se fala unicamente das reservas da biosfera”. Marcos González invitou á cidadanía a participar nas actividades, que son de balde, e a complementalas coa visita ás instalacións do Museo.

Ademais dos roteiros organizados polo Museo de Historia Natural da USC, co gallo do Día Internacional dos Bosques, o Centro de Interpretación Ambiental de Belvís organiza dúas actividades para o próximo sábado, día 24. Será un obradoiro de recoñecemento de árbores para o público infantil, a partir dos 6 anos, que se celebrará ás 11:30 horas. Pola tarde, a partir das 16.30 horas, haberá un roteiro para coñecer as árbores de Belvís, no que pode participar calquera persoa a partir dos 9 anos.

Plan de sensibilización
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia aproveitou a rolda de prensa para presentar o Plan de Sensibilización Ambiental sobre a Árbore Urbana que se vai a poñer en marcha en colaboración con Ferrovial, e que estará dirixido ao alumnado de Educación Primaria.

As actividades vanse desenvolver no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns de Belvís dende mañá e ata o mes de xuño, co obxectivo de que os nenos e nenas coñezan a importancia do arborado na cidade, tanto do que está nos parques e xardíns como do localizado nas rúas. Para iso, haberá charlas divulgativas sobre as árbores, obradoiros prácticos, xogos de pistas didácticos no propio parque de Belvís, e mesmo un obradoiro de xardinería.

Ademais, tamén en colaboración con Ferrovial, estanse organizando charlas nos barrios, para mostrar o valor das árbores urbanas. Luís Incera explicou que “a cidadanía adoita percibir só desvantaxes de ter árbores nas rúas, como os danos nas beirarrúas ou a sucidade que desprenden, pero non coñecen cales son as moitas vantaxes”. Entre elas, o xerente de Ferrovial referiuse a cuestións como o almacenamento de carbono, a contribución das árbores ao aforro enerxético e mesmo a revalorización das rúas nas que se localizan.

Compostela, cidade verde
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia sinalou que “Santiago ten que celebrar o Día Internacional dos Bosques, porque a nosa é unha cidade cun importante patrimonio vexetal”. Xan Duro lembrou que o Concello xestiona case 2,4 millóns de metros cadrados de zonas verdes, nos que temos máis de 30.000 árbores. Iso supón que “temos unha árbore por catro habitantes, e case 25 metros cadrados de espazos verdes de titularidade municipal por habitante, moi por riba das recomendacións da Organización Mundial da Saúde, que falan de entre 10 e 15 metros cadrados”. O total das zonas verdes de Compostela, incluíndo as que son responsabilidade da Xunta e da Universidade, superan os cinco millóns de metros cadrados.