Na escola de música, na piscina municipal, na biblioteca, ou no centro de saúde . En todos estes espazos os veciños e veciñas de Ordes poden contemplar ata o vindeiro luns a mostra ‘Acollemento familiar. En familia, por dereito’. Esta mostra itinerante organizada por Cruz Vermella está composta por 8 paneis. Neles explícase o proceso mediante testemuños reais de familias acolledoras e persoas adultas que no seu día foron acollidas.
A mostra forma parte das iniciativas para informar e sensibilizar, co obxectivo final de que máis persoas se animen a participar no dito programa. Nel participan tanto Cruz Vermella como a Xunta de Galicia e o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.