Friday 22 de November de 2024

As familias beneficiarias do Bono Social eléctrico deberán solicitalo de novo antes do 10 de abril


O Concello de San Sadurniño ofrece este xoves ás 18.00h. unha charla en colaboración coa FAEPAC

Cos cambios que se produciron nos últimos anos nas tarifas e na facturación da electricidade, o goberno creou no seu momento o Bono Social, co que os fogares con máis limitacións poden acceder a unha tarifa estable e máis barata. A esta tarifa podían acollerse familias con ingresos reducidos, familias numerosas ou pensionistas. Porén, a última reforma sobre os criterios de concesión do Bono Social obriga a que as persoas que xa son beneficiarias teñan que volvelo solicitar. De feito, os bonos sociais concedidos ata o momento caducarán en menos dun mes e haberá que pedilos outra vez antes do 10 de abril, acreditando para iso que se cumpren as novas condicións de consumidor vulnerable. Para falar destes cambios normativos e asesorar ás familias, o Concello de San Sadurniño e maila FAEPAC ofrecerán unha charla este xoves a partir das 18.00h. na Casa da Xuventude. Ademais, quen queira facer unha consulta personalizada poderá resolver as súas dúbidas a partir das 17.00h.

O Bono Social eléctrico era ata agora un desconto dun 25% na factura ao que podían optar as persoas usuarias que, dentro da tarifa regulada, cumpriran alomenos un destes requisitos: ser familia numerosa, ser pensionista maior de 60 anos e que o seu salario fose o único da unidade familiar, formar parte dun fogar con todos os seus membros en paro ou ter menos de 3kW de potencia contratada.

O Goberno cambiou o pasado mes de outubro as condicións de acceso a este beneficio. Coa nova normativa elimínanse todos os requisitos anteriores agás o de ser familia numerosa e introdúcese o criterio do nivel de renda da unidade familiar para saber quen se pode acoller.

Así, o bono só será de aplicación exclusiva na vivenda habitual e o nivel de renda ten marcados os seguintes tramos: 798€ mensuais como máximo para fogares sen fillos ou fillas, 1.065€ no caso de que haxa un ou unha menor a cargo e 1.331€ de ingresos máximos se hai dous menores a cargo. A potencia contratada tamén cambia, xa que agora poderá ser igual ou inferior aos 10 kW.

Nestes momentos hai en toda España arredor de 1,8 millóns de persoas beneficiarias do Bono Social eléctrico. Porén, tralos cambios normativos será necesario que volvan solicitalo antes do día 10 de abril. A solicitude preséntase directamente nas comercializadoras de electricidade -nas súas webs atópase o formulario correspondentes- acompañándoa da documentación acreditativa de ser persoa consumidora vulnerable ou persoa consumidora vulnerable severa:

A fotocopia do DNI ou NIE de quen sexa titular do punto de subministración
A fotocopia do libro de familia ou certificado da folla individual do Rexistro Civil da persoa titular e cada un dos individuos da unidade familiar
Fotocopia do documento de identidade de cada membro da unidade familiar á que pertenza a titular para quen este documento sexa obrigatorio e, no seu caso, das persoas menores de 14 anos de idade da unidade familiar que dispoñan del
Certificado de empadroamento en vigor da persoa titular e dos membros da unidade familiar
Fotocopia do título de familia numerosa, de ser o caso
Só en algunhas circunstancias especiais (discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%, situación de violencia de xénero ou condición de vítima de terrorismo), certificación dos Servizos Sociais que acredite esas circunstancias
De todas estas cuestións falarase na charla organizada para este xoves ás 18.00h. na Casa da Xuventude. O acto contará con persoal experto da FAEPAC que, dada a complexidade do tema, se ofreceu para asesorar directamente a aquelas persoas que teñan dúbidas. Para iso, a partir das 17.00h. dous técnicos da fundación estarán na Casa da Xuventude atendendo casos particulares. Para facilitar este traballo, as persoas que queiran facer unha consulta deberán traer a documentación relacionada co asunto (facturas eléctricas, solicitudes de bono social, reclamacións, etc…).