Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño e as entidades apícolas piden colaboración na campaña de trampeo contra a avespa asiática


As velutinas osman a primavera. Preparémonos!

Estamos a piques de entrar na primavera, a pesar de que o tempo frío e revolto destes días diga o contrario. Sábeno ben as raíñas de vespa velutina nigrithorax que, aínda co fresco e a auga, empezan a saír xa dos seus tobos de hibernación para fundaren novas colonias. De momento son elas soas, traballando paseniño na construción dos niños primarios onde criar a primeira remesa de obreiras. Por iso, polo feito de que todo o ciclo comeza cun único exemplar, este é un dos mellores momentos do ano para combater a avespa asiática mediante trampas. Desde o Concello e desde as asociacións apícolas volve facerse un chamamento á implicación veciñal nesta loita.

Abonda con prestar atención aos lugares onde o ano pasado apareceron niños e colocar preto deles trampas de fabricación caseira ou ben comerciais, preferiblemente en camelias e outras plantas de orixe asiática de floración temperá. O máis barato é o primeiro: collemos unha botella de plástico -as boas son as da auga mineral-, cortámoslle a parte superior e despois dámoslle a volta á parte sobrante para colocala de novo na botella a xeito de funil.

É unha manualidade moi doada, económica e ideal para que nela participe tamén a rapazada, axudando despois na colocación e no seguimento que se debe facer para ver a súa efectividade e, de paso, repoñerlles o líquido atraente. Dependendo da calor que faga o ideal é cambialo cada10 ou 15 días. O que hai a vender funciona ben, pero tamén podemos aforrar cartos elaborándoo pola nosa conta. A pouco que busquemos en internet aparecen infinidade de receitas que en todo caso combinan líquidos doces con alcol.

Unha das que semella ser efectiva é a resultante de mesturar un 40% de viño branco, un 40% de cervexa negra e o 20% restante con algún licor -ou zume- ben aromático, como pode ser o de arandos, grosellas ou o de amoras. Disque é aínda máis efectivo se dentro lle botamos un anaco de cera vella do panal dunha colmea (non vale a das velas) e se deixamos na trampa os cadáveres das velutinas que vaian caendo, substituíndo só o líquido atraente.

Dentro do seu protocolo de actuación, a Xunta de Galicia centra a campaña de trampeo unicamente no labor dos apicultores e apicultoras, pensando máis que nada na protección dos colmeares. Ao tempo, desde Medio Rural tamén se pide que a colocación de trampas non se faga de forma indiscriminada, senón só naqueles lugares onde se atopasen niños o ano pasado.

Pero, ¿que pasa onde non hai colmeas nin xente que se ocupe delas?. Neses casos a velutina seguiría avanzando se non houbese quen a frease. Esa é a razón de que o Concello e entidades como a AGA-Ferrolterra ou a Casa do Mel de Goente estean animando a que se poñan trampas desde xa mesmo en áreas onde se constatou a presenza de velutina. Cómpre ter en conta que as avespas asiáticas atacan ás abellas, pero tamén depredan outros insectos polinizadores, causan auténticas desfeitas na froita e representan un perigo para as persoas se son molestadas por un descoido.

Nesta guerra contra a invasora tamén se quere implicar, un ano máis, ás entidades do territorio para que intermedien na mobilización da veciñanza. De feito, asociacións coma O Castelo de Narahío xa enviaron hai varios días un aviso aos domicilios para dispoñer un trampeo organizado en toda a parroquia seguindo as zonas marcadas por AGA-Ferrolterra.