Malia sermos todas e todos seres humanos diferentes, vivimos nun mundo influenciado pola publicidade e polas modas que nos bombardean constantemente cun cánon de beleza e de éxito que é só iso, un artificio comercial fabricado para vendernos produtos. O problema vén cando eses estereotipos son interiorizados pola infancia e a mocidade como algo que debe ser así, si ou si, deixando de lado todos os outros aspectos que fan de nós indivíduos únicos. E a cousa aínda é máis grave cando esas influencias externas derivan, por exemplo, en trastornos alimentarios coma a anorexia ou a bulimia. De aí que sexa tan importante traballar no reforzo da autoestima a idades temperás. Para concienciar sobre a cuestión e facilitarlles ás familias algunhas pautas doadas de seguir, a área de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene organiza o obradoiro “Construíndo unha autoestima positiva e unha imaxe corporal diversa en familia”, que terá lugar no Centro Municipal de Servizos Sociais este xoves 22 de marzo a partir das 18.00h.
A sesión será impartida por persoal do servizo Quérote+ dentro do programa Redes familiares impulsado pola Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta. O obxectivo principal é crear un espazo no que as familias poidan expresar as súas inquedanzas, dúbidas e preguntas sobre que é iso da autoestima e de que maneira lles afecta aos fillos e fillas, especialmente na adolescencia.
Entre os contidos que se abordarán está o do xeito en que as nais e pais poden -deben- contribuír á construción da autoestima da rapazada como parte da súa identidade, axudándolles a concibir unha imaxe corporal de si que sexa realista, saudable e parte importante dunha sociedade diversa na que sermos distintos e distintas é un valor que nos fai tamén únicos.
A actividade terá lugar no Centro Municipal de Servizos Sociais de San Valentín -Avda. do Mar, Bloque 1 Baixo- o xoves entre as 18 e as 19.30h. Ofértanse 25 prazas que xa se cubriron en parte a través da promoción que se fixo nos últimos días nos centros educativos. Con todo, se algunha persoa ten interese e participar debe chamar 981 492 706 – 981 342 607 ou enviar un correo a servizos.sociais@fene.gal. As vacantes no obradoiro asignaranse por orde de solicitude.
“Construíndo unha autoestima positiva e unha imaxe corporal diversa en familia” forma parte da programación de educación familiar que se desenvolve ao longo do ano dentro do Plan de Promoción da Saúde e Prevención de condutas adictivas promovido pola Concellaría de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene.