Friday 22 de November de 2024

O alcalde de Boqueixón inicia a súa rolda de reunións coa veciñanza das distintas parroquias


As primeiras paradas fixéronse en Gastrar e Lestedo

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, iniciou este mes a súa rolda de reunións cos veciños e veciñas das distintas parroquias. O obxectivo destes encontros é, en verbas do propio rexedor, “coñecer de primeira man as necesidades da veciñanza e buscar solucións conxuntas aos problemas que se lles plantexan”.

A primeira das citas desenvolveuse na parroquia de Gastrar, onde o rexedor estivo acompañado por varios integrantes do executivo boqueixanés. O pasado venres foi a quenda de Lestedo. A esta cita acudiron preto dun cento de veciños e veciñas quen mantiveron un encontro co alcalde. Manuel Fernández Munín estivo tamén acompañado polo delegado provincial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e pola concelleira de Educación e Cultura, María del Carmen Botana; polo concelleiro de Desenvolvemento Rural, Jesús José Santasmarinas, e polo edil de Formación e Emprego, Alejandro Bermúdez.
Durante o encontro coa veciñanza tratáronse os distintos investimentos realizados na parroquia. No caso de Lestedo, falouse do acondicionamento do Campo da Festa, así coma as distintas pistas que se van arranxar nos próximos meses.

A seguinte reunión terá lugar este venres, día 23 de marzo, na parroquia de Sergude. A cita desenvolverase no local social. Os encontros coa veciñanza retomaranse despois da Semana Santa e continuarán nas distintas parroquias ata o mes de xuño.