Friday 22 de November de 2024

Moeche clausura unha exitosa Feira do Queixo con moito público e boas vendas


As treboadas do de domingo non convidaban moito a saír da casa. Pero iso non lle importou demasiado aos milleiros de persoas que pasaron pola nave do mercado de Moeche para asistiren á terceira edición da Feira do Queixo organizada polo Concello. Durante todo o día o recinto foi un constante rebulir de xente de aquí e de acolá na procura do produto estrela, que ofrecía diversidade de formas, maduracións, olores e sabores chegados de distintos puntos de Galicia e mesmo doutros lugares, como Asturias, O Bierzo, León, Estremadura, Francia, Bélxica, Italia e Suíza. As estimacións do Goberno local falan de “máis de 5.000 persoas” que visitaron unha feira “consolidada” que, ademais de público, tamén rexistrou un bo nivel de vendas.

O momento de máis afluencia produciuse cara ao mediodía, cando os 1.200 metros cadrados de recinto se mostraban practicamente completos de visitantes probando, ulindo e mercando un produto que ofrecía formas e prezos diversos, que se podían acompañar na cesta da compra con pan, empanadas, doces e mel cos que maridalo na mesa.

Para exemplo desa maridaxe do queixo con outros ingredientes, o concurso de receitas organizado polo Concello ao que se presentaron nove pratos entre salgados e doces que chamaron a atención do público e do xurado pola súa presentación e, máis que nada, polo seu delicado sabor. Un sabor que xa se intuía con nomes tan suxestivos como “Queixo goloso”, “Primavera de Moeche” ou “Explosión de limón”, etc. A explosión de queixo e limón na boca foi, precisamente, a receita gañadora no apartado doce. A súa autora foi María Basanta, quen tamén levaría o segundo premio no apartado de receitas salgadas cunhas gorentosas croquetas “con surtido sorpresa”.

As irmás Lorena e Eva Soto fixéronse cos outros dous premios, fallados por un xurado experto -e de fóra de Moeche- elixido entre os 22 expositores da feira. Así, Lorena levou o segundo galardón en receitas doces cunha espectacular torta de queixo e galleta con froitos do bosque, mentres que Eva gañou en prato salgado cun exquisito trampantoxo de queixo. Os premios consistiron en diplomas acreditativos e lotes de produtos, estes últimos doados polos postos colaboradores coa Feira.

A participación no evento non se cinguiu unicamente ao concurso de receitas, senón que o público tamén puido participar noutras propostas. A rapazada tivo dous obradoiros pola mañá e un de tarde ofrecido por Gandería Lavandeira no que aprenderon -e practicaron- o proceso de elaboración do queixo. Ademais, o Concello tamén organizou tres catas comentadas que esgotaron rapidamente as prazas. Nelas degustáronse queixos asturianos, de León, de Estremadura así como algúns dos galegos máis exquisitos.

Estas actividades completáronse con música ao vivo, coa actuación do Mago Romarís, con visitas ao Castelo de Moeche e con degustacións de petiscos e menús queixeiros nos bares e restaurantes do municipio. O Concello mesmo volveu por en marcha o Tren do Queixo desde Ferrol, utilizado nesta ocasión por varias ducias de persoas que elixiron Moeche para pasar a xornada.

Segundo a alcaldesa, unha das claves do éxito desta feira sexa esa, a oferta de actividades paralelas: “trouxemos bo produto, viñeron as mellores queixarías de Galicia e rodeámolo todo con outras actividades. Hai que complementar, non só vender queixo, que a xente veña e que bote con nós todo o día”.

Beatriz Bascoy, mostrábase satisfeita xa ao mediodía polo funcionamento da feira a pesar do mal tempo. “Facemos unha valoración positiva, o tempo non acompañaba e tiñamos certo temor de que puidese influír. Pero a nave empezou a encherse de xente de Moeche e do resto da comarca. Os postos venderon moito e temos a sensación de que a feira está consolidada e xa nos vemos obrigados a mantela”, comentou a rexedora.

A pesar de que non é posible facer unha cuantificación exacta do número de persoas que pasaron por Moeche ao longo do día -a feira rematou preto das 19.00h.-, desde o Concello apúntase a unha cifra que podería andar nuns 5.000 visitantes.

O Goberno local quixo facer partícipe do éxito deste ano “a todas as persoas e empresas que botan unha man para sacar adiante a feira”, agradecendo especialmente a colaboración de Gandería Lavandeira, Lácteos Moeche, Queixos Brigantia, Queixos Sanjurjo, Panadería Santa Cruz, Panadería Miguel e Casa do Mel de Goente, ademais de lembrar a “importante implicación” da hostalaría local: Bar Xambas, Bar Ubaldo, Bar La Terraza, Casa Toñito, Taberna Irmandiños, Restaurante Delfino, Mesón O Campo e Restaurante Casa Pena.