Ata o 31 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de praza para novas incorporacións na Escola Infantil Municipal “A Rolada” de cara ao curso 2018/2019. Este segundo período de peticións -o anterior estivo aberto para reservas entre o 1 e o 15 de marzo- está pensado para as familias que vaian ter un meniño ou unha meniña proximamente ou para aquelas que queiran inscribir as criaturas no centro por primeira vez. A información e a documentación para as solicitudes de ingreso poderá prepararse na propia escola infantil e, unha vez listo todo o papeleo, as familias só terán que rexistrar a petición no Concello.
A EIM A Rolada ofrece de cara ao curso 2018/2019 un total de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos.
Os servizos da EIM A Rolada diríxense preferentemente a familias empadroadas do municipio con nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade e só no caso en que haxa vacantes poderá admitir alumnado doutros concellos priorizando aquelas familias que teñan o seu posto de traballo nunha empresa de San Sadurniño. As prazas adxudicaranse segundo a seguinte orde de admisión:
En primeiro lugar farase unha reserva de praza ordinaria, na que gozarán de preferencia para a adxudicación as nenas e nenos con matrícula no curso anterior. Á súa vez, terán preferencia na elección de xornada as familias empadroadas no concello. O prazo de solicitude desta reserva estivo aberto durante a primeira quincena de marzo.
Seguindo a orde, logo atenderanse as solicitudes de reserva de praza para fillas e fillos do persoal municipal e da EIM, que terá preferencia na adxudicación de vacantes existentes nas mesmas condicións que as persoas empadroadas.
Por último tramitaranse as peticións de novos ingresos, que se cubrirán unha vez adxudicadas as prazas reservadas e seguindo os criterios de baremación recollidos no regulamento de funcionamento da EIM. Estas solicitudes son as que se deben presentar agora, entre o 16 e o 31 de marzo.
A Escola Infantil Municipal A Rolada presta varios servizos adaptados ás necesidades de cada familia. O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de dúas a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, varias opcións: xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá, media xornada de tarde ou xornada de dúas horas só pola tarde. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e mesmo con saídas e excursións dentro do horario de atención como parte fundamental do currículo do centro.
As tarifas vixentes son as que se actualizaron o día primeiro de marzo consonte o incremento do IPC:
Concepto Cota vixente
Matrícula (anual) 20,88 eur.
Mensualidade a xornada completa (8h.) 203,58 eur.
Mensualidade a media xornada (4h.) 122,15 eur.
Xornada de 2 horas 73,08 eur.
Hora complementaria (prezo mensual) 20,88 eur.
Hora extraordinaria (prezo diario) 3,65 eur.
Comedor mensual para almorzo 26,10 eur.
Comedor mensual para xantar 81,43 eur.
Comedor mensual para merenda 26,10 eur.
Comedor en día solto 4,18 eur.
Cómpre ter en conta que as familias empadroadas no municipio poderán beneficiarse das axudas que convoca anualmente o Concello e que, dependendo do seu nivel de renda, poden chegar a cubrir ata un 50% dos custes de escolarización. O periodo de solicitude correspondente ao curso 2017/2018 -os nenos e nenas que están agora na escola- finalizou este 28 de febreiro, de maneira que as familias que soliciten novo ingreso deberán agardar a unha nova convocatoria que, previsiblemente, se publicará a primeiros de 2019.
Para obter máis información sobre os servizos da escola ou sobre os procedementos de reserva de praza/nova incorporación débese acudir ao propio centro -981 490 369-, onde facilitarán toda a documentación e solventarán calquera dúbida. Unha vez cubertas as solicitudes tamén será alí onde fagan a comprobación de que non falta ningún papel para que logo sexan as propias persoas interesadas quen rexistren a documentación no Concello.