A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio invitou aos escolares do CEIP Francisco Javier a sumarse á cadea entre xeracións para contribuír na construción dun mundo mellor, máis ecolóxico e máis verde
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio distribuirá entre a comunidade escolar mais de 80.000 exemplares da colección de Medio Ambiente, protagonizados polos Bolechas, para conciencias ás nenas e nenos galegos no coidado do Planeta. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presentou esta mañá os seis títulos desta colección, cuxas mensaxes se centran no coidado da Terra, a auga, os animais e a xeración de menos lixo.
Beatriz Mato destacou que coñecer a natureza é o primeiro paso para protexela, polo que invitou aos alumnos galegos do CEIP Francisco Javier a sumarse á cadea entre xeracións para construír un mundo mellor, máis ecolóxico e máis verde.
Tal e como explicou a conselleira, a colección de medio ambiente preséntase nun momento clave, xa que marzo é un mes de celebracións e conmemoracións nesta materia ao celebrar o Día Mundial da Augas (22 de marzo), o Día Meteorolóxico Mundial (23 de marzo). Así os seis libros da colección ensinarán dun xeito didáctico e divertido como coidar a Terra, facer un usos responsable da auga, como coidar aos animais de compañía e como protexer o medio ambiente a través da xeración de menos lixo e a reciclaxe do mesmo.
O título Os Bolechas coidan a auga explica a importancia e o ciclo que segue a auga desde que cae do ceo ata que chega ás nosas casas abrindo a billa e trasladan consellos para non malgastala. Unha situación que en Galicia se coñece ben, dado que os 19 sistemas da Demarcación Galicia Costa atópanse na actualidade aínda en situación de prealerta por seca, dado que o caudal circulantes dos ríos galegos non acadaron o nivel de normalidade que deberían levar nesta época do ano.
Para explicar o fenómeno do cambio climático aos máis pequenos editouse Os Bolechas axudan á terra. O libro no que se aborda como a acción dos humanos estamos a cambiar o clima do planeta e o que é máis importante, a necesaria colaboración de todos para que o clima non cambie.
Un terceiro libro sobre coidados é Sultán non ten microchip, co que se pretende sensibilizar aos máis pequenos na protección e benestar dos cans, gatos e animais de compañía. Explícase que a identificación dos animais de compañía a través do microchip podemos localizalo en caso de perda e ofrecemos información útil para o veterinario no caso de ter que atendelo por unha doenza.
A conselleira explicou aos alumnos do CEIP Francisco Javier que un dos mellores xeitos de axudar á Terra é producir menos lixo, polo que a Consellería editou tres títulos que se centran na xeración do lixo, na reciclaxe e no seu tratamento: Como producir menos lixo, Que se bota no contedor amarelo e Que se fai co lixo que chega a Sogama. “Tres publicacións didácticas e adaptadas aos máis pequenos da casa para familiarizalos con conceptos como a economía circular, as tres erres, ou a reciclaxe”, argumentou Beatriz Mato.