O Concello de Brión organizará cursos gratuítos de informática básica para persoas desempregadas, que terán lugar na data que concreten os propios participantes e en canto haxa un mínimo de 8 persoas inscritas. Trátase dun curso de formación que busca que o alumnado adquira coñecementos básicos de informática de cara a mellorar a súa empregabilidade.
Así, as persoas que participen aprenderán nocións básicas do manexo dun ordenador, do sistema operativo windows, a manexar un procesador de textos, así como crear e manexar contas de correo electrónico e navegar por Internet. O curso terá lugar na aula CEMIT de Brión os martes e xoves, en horario de 10:30 a 12:30 horas, na data que concreten as persoas que estean interesadas. A inscrición, polo tanto, estará aberta durante todo o ano na Casa da Cultura, no teléfono 981 50 99 08 ou en empregobrion@gmail.com.