Saturday 16 de November de 2024

Todo listo para a III Feira do Queixo de Moeche


O evento celébrase este domingo na Nave do Mercado

Agora si. Todos os detalles da III Feira do Queixo están xa ultimados e podemos dar conta de todo o que haberá este domingo en Moeche. Non hai cambios con respecto á programación da que se informou hai uns días, pero si novidades. Entre elas o nome do grupo que animará a sesión vermú da feira, o listado de convites institucionais feitos polo Concello e mesmo a presenza dunha grande vaca inchable que, de seguro, se converterá no principal photocall dunha feira á que asistirán 22 queixarías de dentro e fóra de Galicia. Meteogalicia anuncia unha xornada con nubes e claros e posibilidade de chuvias que non deberían mermar o éxito do evento, posto que se celebra no interior da nave do mercado rehabilitada hai escasos meses.

A feira comezará sobre as 10.00h. abrindo ao público os postos participantes, onde se poderán atopar especialidades de Galicia, Asturias, O Bierzo, León e Estremadura, pero tamén belgas, fracesas, suízas e italianas. A elas uniránselles outros produtos da terra que maridan ben co queixo, como poden ser o mel, o pan, os doces e conservas. Media hora despois tamén se abrirá a mostra de pratos presentados ao concurso de receitas convocado polo Concello, con premios para os dous mellores nas categorías de doce e salgado que se entregarán pouco antes das 14.00h.

Ao longo da mañá desenvolveranse tres catas comentadas para degustar en cada unha delas distintas elaboracións. Así, ás 11.00h. poderemos saborear os matices dos queixos asturianos con denominación de orixe, ás 12.00h. tocaralle a vez aos leoneses e estremeños e a rolda de catas finalizará ás 13.00h. probando e falando dos queixos galegos de Cortes de Muar e Touza Vella, premiados nos “World Cheese Awards”. Para asistir ás catas é necesario inscribirse na propia feira -3 €- e os grupos están limitados a 20 participantes por sesión.

Cadrando co comezo da derradeira cata, no recinto tamén empezará a soar a música de Chill & Cheese, grupo formado para a ocasión por varios membros da banda que acompaña habitualmente á cantautora Sés. Ambientarán a feira con soul, jazz e rhythm and blues ata ben pasadas as dúas da tarde, momento no que boa parte do público asistente aproveitará para petiscar ou xantar nalgún dos bares e restaurantes do Concello, onde se servirán menús co queixo como protagonista indiscutible.

A feira continuará ata cerca das 19.00h. e a tarde terá un contido, se cadra, máis lúdico. Sobre as 16.00h. a rapazada poderá aprender a facer queixos da man da Gandería Lavandeira e ás 17.30h. o Mago Romarís -traído a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña- presentará o seu espectáculo “O mellor mago do mundo”. Alén destas propostas, o Concello tamén organizou dous obradoiros infantís ao longo da xornada: un ás 11.00h. concibido como un xogo participativo e outro ás 12.00h. no que a cativería preparará aperitivos doces e salgados a base de queixo.

Con todo listo xa para un domingo queixeiro en Moeche, a grande incógnita é o tempo, aínda que desde o Concello tampouco se considera un factor determinante. Cómpre lembrar que o evento terá lugar a cuberto, dentro da nave de 1.200 m² reconvertida recentemente en espazo multiusos e mercado semanal dos sábados. Neste sentido, o Goberno local agarda unha asistencia que supere á das dúas edicións anteriores, de por si moi exitosas. Ademais de promover unha campaña publicitaria de alcance comarcal, o consistorio convidou formalmente a representantes públicos de toda a volta e confirmou a presenza da Directora Xeral de Comercio, Sol Vázquez, e do parlamentario Xosé Luís Rivas “Mini”.

Por outra banda, o Concello de Moeche tamén volverá por en marcha o denominado Tren do Queixo, con saída desde Ferrol ás 10.45h. e volta ás 17.29h. Desde a estación até o recinto feiral haberá un servizo de autobús gratuíto que, entrementres, fará dúas viaxes para visitar o Castelo de Moeche e o Centro de Interpretación da Revolta Irmandiña, unha ás 12.00h. e outra ás 16.00h.

A Administración local, como organizadora da feira, conta coa colaboración de Gandería Lavandeira, de Lácteos Moeche, de Queixos Brigantia, de Queixos Sanjurjo, da Panadería Santa Cruz, da Panadería Miguel e da Casa do Mel de Goente, xunto coa da Deputación da Coruña. Á dinamización da feira súmanse tamén o bar Xambas, Casa Ubaldo, o bar La Terraza, Casa Toñito, a taberna Irmandiños, o restaurante Delfino, o mesón O Campo e Casa Pena.

Programa completo da III Feira do Queixo de Moeche – Domingo 18 de marzo de 2018

Mañá
10.00h. Apertura da feira, coa participación de queixerías de Galicia, Asturias, León, O Bierzo, Estremadura e queixos de Italia, Francia e Suíza
10.30h. III Concurso de receitas con queixo (recepción de pratos do concurso ata as 11.30h. Inscricións ata o venres 16 de marzo no 981 404 006 ou da conta correo@moeche.gal)
11.00h. Obradoiro infantil “Puzzle de queixos e ratiños” – Prazas limitadas. Actividade gratuíta con inscrición por orde de chegada.
11.30h. Cata de queixos de Asturias – Máximo 20 persoas. Prezo 3€. Inscricións por orde de chegada.
12.00h. Obradoiro infantil de elaboración de aperitivos doces e salgados con queixo. – Prazas limitadas. Actividade gratuíta con inscrición por orde de chegada.
12.00h. Cata de queixos de León e Estremadura – Máximo 20 persoas. Prezo 3€. Inscricións por orde de chegada.
12.30h. Saída do bus para a visita ao Castelo de Moeche
13.00h. Cata de queixos de Galicia con recoñecemento internacional – Máximo 20 persoas. Prezo 3€. Inscricións por orde de chegada.
13.00h. Actuación musical de Chill & Cheese
13.45h. Entrega de premios do III Concurso de cociña con queixo

Tarde
16.00h. Obradoiro infantil “Aprendendo a facer queixo” coa Gandería Lavandeira (Moeche) – Prazas limitadas. Actividade gratuíta con inscrición por orde de chegada.
17.30h. “O mellor mago do mundo”, co Mago Romarís

Ao longo da xornada os establecementos hostaleiros de Moeche ofrecerán coas consumicións tapas elaboradas a base de queixo:
Bar Xambas, Bar Ubaldo, Bar La Terraza, Casa Toñito, Taberna Irmandiños, Restaurante Delfino, Mesón O Campo e Restaurante Casa Pena

Para facilitar o traslado a Moeche e promocionar o uso do ferrocarril, o Concello reedita o Tren do Queixo, que sairá de Ferrol ás 10.45h. con volta ás 17.29h. Haberá un servizo de autobús para os traslados entre a estación e o recinto feiral.

O Concello agradece a colaboración de: Gandería Lavandeira, Lácteos Moeche, Queixos Brigantia, Queixos Sanjurjo, Panadería Santa Cruz, Panadería Miguel e Casa do Mel de Goente.