Esta actividade está incluída no proxecto de Prevención de Condutas Adictivas que coordina o Concello de Boqueixón co apoio da Consellería de Sanidade
Alumnos e alumnas de 4º da ESO iniciaron esta semana o obradoiro ‘Non pasa nada, pasa algo?’, incluído dentro do programa que se realiza no ámbito escolar, correspondente ao Proxecto de Prevención de Condutas Adictivas promovido pola Consellería de Sanidade e coordinado polo Departamento de Educación do concello boqueixanés, que inclúe a catro municipios da bisbarra compostelá –Boqueixón, Teo, Touro e Vedra-.
A psicóloga e técnico do servizo de prevención de condutas adictivas, Yolanda Neira, é a encargada de impartir estas sesións dirixidas a un total de 102 alumnos de 4º da ESO do IES de Cacheiras (Teo). O obxectivo principal das charlas impartidas a cada un dos distintos grupos deste curso é proporcionar información sobre as drogas –facendo especial fincapé no alcol, tabaco e cannabis- a este sector da poboación. Ademais, tamén se dan a coñecer os factores de risco e protección, ao tempo que se pretende ensinar habilidades de afrontamento de posibles situacións de risco e informar e sensibilizar ás familias ao respecto.
Os obradoiros ‘Non pasa nada, pasa algo?’ constan de catro sesións nas que se tratan, a través de diversas técnicas interactivas, contidos temáticos sobre as diferentes substancias e os riscos, uso e abuso. Entre ditos contidos atópanse a clasificación das drogas, definición de conceptos, evolución conductual uso-dependencia, habilidades de afrontamento –para non sucumbir ante a presión de grupo-, mitos e crenzas sobre as drogas, ou a información sobre elas nas redes.
Ademáis está previsto que durante os meses de abril e maio no IES de Cacheiras se realicen outros obradoiros, neste caso, as actividades estarán dirixidas a un total de 125 alumnos e alumnas de 2º da ESO.
O Proxecto de Prevención de Condutas Adictivas, promovido pola Consellería de Sanidade en coordinado polo Concello de Boqueixón, pretende evitar o desenvolvemento e consolidación de consumos problemáticos de drogas, reducindo a incidencia de problemas sociosanitarios relacionados co consumo e/o abuso e promovendo a adopción de estilos de vida saudables entre os adolescentes.