Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño proba un modelo propio de marquesinas


Neste curso académico, o traxecto do bus escolar de San Sadurniño ampliouse tamén á zona de Cornide. Unha circunstancia que levou ao Concello a instalar dúas novas marquesinas nas paradas creadas ao efecto que, a diferenza doutras que hai repartidas polo territorio, foron fabricadas por unha carpintaría local e cun deseño propio. As razóns para tirar por esta opción en vez de mercar algún modelo existente no mercado foron varias, pero as que máis peso tiveron foron a dun prezo máis competitivo, a da súa mellor integración na paisaxe e tamén o feito de estar contribuíndo á economía local.

A artífice das estruturas foi a carpintaría Manuel Lema, situada en Santa Mariña do Monte. Atendendo ás peticións formuladas polo departamento de Obras, esta empresa fixo un deseño sinxelo que non chega ás vinte pezas de madeira tratada e vernizada, incluíndo nelas os soportes e mailo banco no que sentan as nenas e nenos mentres agardan polo bus. O fondo, os laterais e o teito van en vidro de alta resistencia, que lle confiren ás marquesinas grande luminosidade. Ademais, o feito de seren transparentes e de madeira tamén consegue que non desentoen co contorno.

Segundo o goberno local, outra das vantaxes deste equipamento foi o seu prezo. “É difícil atopar marquesinas no mercado por menos de 2.000 euros. Son mobiliario urbano moi necesario pero relativamente caro. Por iso miramos de probar a facelas nós botando man dunha carpintaría local”, explica Secundino García, quen engade que as instaladas recentemente en Cornide “andan nos 1.500 euros cada unha”.

O Concello optou por esta posibilidade buscando abaratar custes, pero tamén co obxectivo de poñer a proba a durabilidade deste equipamento made in San Sadurniño. “Cos materiais empregados e se non hai ningún incidente, as marquesinas deberían aguantar en perfectas condicións 10 ou máis anos, que é o prazo de garantía que che dá calquera firma comercial”.

As dúas casetas están situadas na zona de Cornide, logo de que este ano se incorporase o traxecto á liña do transporte escolar. Xunto co servizo que prestan, desde o Concello tamén se destaca o feito de que “sexan fabricadas aquí e por unha pequena empresa de aquí”.