O Salón de Plenos da Casa do Concello de Fene acolle dende este xoves, 15 de marzo, a exposición fotográfica do certame Galicia en Foco, que organiza o Club de Prensa de Ferrol e que vai pola súa 26ª edición. A mostra inaugúrase o xoves ás 18.30 horas nun acto ao que asistirán o alcalde de Fene, Juventino Trigo, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e representantes do Club de Prensa de Ferrol, e ao que se convida a toda a veciñanza de Fene.
Logo do seu paso por Ferrol e Mugardos, a exposición do Galicia en Foco chega a Fene onde se poderá visitar até o vindeiro 30 de abril en horario: de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas.
O premio Galicia en Foco pretende amosar o labor da fotografía de prensa e difundila por toda Galicia. Este ano a mostra recolle os traballos dunha vintena de fotoxornalistas que participaron no concurso. Entre elas se atopa a fotografía titulada “Fuxindo do lume”, realizada por Felipe Carnotto e publicada no Diario de Pontevedra, na que se reflexa a desesperación polos incendios forestais de outubro. Nesta edición o xurado tamén concedeu unha mención especial a Brais Lorenzo Couto.
Os profesionais que participaron nesta 26ª edición do certame Galicia en Foco foron: Pedro Agrelo, Sandra Alonso, Álvaro Ballesteros, Felipe Carnotto, Óscar Castro París, Óscar Corral, Sonia Daponte, Kiko Delgado, Antón García Freire, Antonio Hernández, Miguel Ángel López Rodríguez, Brais Lorenzo, Xosé Marra, Santiago Míguez Amil, Javier Quintana Vázquez, Paco Rodríguez, Xoán A. Soler, Guillermo Sotelo y Mónica Vila Ferreirós.
“Galicia en foco” naceu en Ferrol no ano 1989 co obxectivo de reivindicar o traballo dos fotógrafos de prensa de Galicia e de espertar o interese do público pola obra dos nosos realizadores gráficos (que se coñezan os seus nomes, a súa profesionalización e a súa identificación coa Galicia contemporánea que eles/as mesmos/as documentan). A mostra serve ademais de compilación e crónica anual do acontecer e sentir do pobo galego, recollido nas súas diversas facetas nos medios de comunicación.