Máis de medio cento de persoas ateigaron a sala de exposicións da Casa da Cultura de Brión para asistiren á presentación do libro “Pon un psiquiatra na túa vida… e xa verás”, de Úrsula Heinze. Unha presentación na que a escritora estivo acompañada polo alcalde de Brión, José Luís García García, e o editor Henrique Alvarellos.
José Luís García destacou que “despois da histórica xornada vivida o pasado 8 de marzo é un pracer contar connosco con unha pioneira na forma de plasmar a problemática da muller galega porque teño a sensación que o que o que dixeron as mulleres das súas obras, a pesar de ser editadas en 1985 e 1991, non difire moito das demandas que este ano sacaron á rúa milleiros e milleiros de mulleres en Brión, en Galicia, en España e en todo o mundo”.
Sobre “Pon un psiquiatra na túa vida… e xa verás”, o alcalde brionés salientou que “aínda que polo seu título poida parecer que se trata dunha novela humorística, o certo é que o trasfondo da obra dista moito dun enfoque cómico e trata dun tema moi serio como é a depresión, quizais unha das enfermidades máis estendidas neste século”.
Non libro autobiográfico
Pola súa banda, Úrsula Heinze explicou que a obra “non é un libro autobiográfico. É unha novela pero de diálogos: o que opina a paciente e o que opina o psiquiatra”. Unha profesión da que dixo que, a diferenza doutros doutores, “se un psiquiatra se equivoca que pode pasar? Pois no peor dos casos, nada”. E bromeou dicindo que “quérenche cambiar a vida, que saias coas amigas, aos cafés… Eu teño 76 anos, como me van cambiar a miña vida?”.
“Pon un psiquiatra na túa vida… e xa verás” é unha novela que aborda o mundo da depresión a través do diálogo entre unha paciente e o seu psiquiatra. Un diálogo no que van aflorando cuestións como o envellecemento, a morte, a sexualidade, a relacións cos demais… Estruturada en 20 capítulos, a novela repasa as 20 citas da protagonista (Sally McMahon) co seu psiquiatra ao longo de dous anos.
O acto rematou cun coloquio da autora coas persoas presentes, cun convite a croissants (un guiño ao título do seu anterior libro) e cunha lectura do novo libro, que fixo concluír a Úrsula Heinze que “onde hai amor, non ten que haber enfermidade”.