Friday 22 de November de 2024

Avance da programación da concellería de cultura de Fene para a primavera-verán 2018


Oswaldo Digón, Paco Cerdeira, Bellón&Maceiras e María Larraitz, son algúns dos artistas que pasarán pola Casa da Cultura de Fene esta primavera, segundo adianta a Concellería de Cultura de Fene. O departamento que dirixe o edil Justo Ardá anuncia tamén as actividades e espectáculos previstos para o Ciclo do Día da Patria Galega que terá lugar no mes de xullo e polo que pasarán este ano Circo Chosco, Nautilus Band, Ith e Sés.

A Biblioteca Municipal de Fene acollerá no mes de maio un ciclo de actividades dirixidas ao público familiar que incluirá dous concertos e unha sesión de contacontos. A primeira das actuacións, “Pakolas en concerto”, anúnciase para o mércores 2 de maio e correrá a cargo do popular Paco Cerdeira con “cancións para rockear, para soñar, para non parar de mover o esqueleto e tamén sobre todo, para aprender”.

O mércores 9 de maio actuará na Biblioteca de Fene o dúo Bellón & Maceiras. Nesta ocasión, Daniel Bellón e Diego Maceiras ofrecerán un concerto dirixido especialmente aos/ás nenos/as, aos/ás que darán a coñecer instrumentos e ritmos autóctonos, amais de tentar involucralos coa súa música e animalos a coñecer algo máis da súa cultura .

O ciclo concluirá o mércores 16 de maio con María Larraitz e os seus “Babacontos con María Moreno”. Neste espectáculo que emprega as ferramentas da narración oral tradicional, a actriz e contacontos María Larraitz dará a coñecer algunhas das historias do libro Mar adiante, así coma contos/poemas de Eu conto, ti cantas…, da escritora María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Tamén no mes de maio, a Concellería de Cultura de Fene conmemorará o Día dos Museos no Museo do Humor cun espectáculo a cargo do actor e monologuista Oswaldo Digón o 18 de maio. Fundador da primeira compañía de Teatro de Improvisación en Galicia, Oswaldo Digón traballou como monologuista no programa Luar da TVG e tamén ten participado na xira de “Las noches del club de la comedia” onde compartiu cartel cos humoristas Dani Rovira, Queque e Joaquín Reyes.
De cara ao verán, a Concellería de Cultura de Fene adianta as actividades previstas para o Ciclo do Día da Patria Galega que comezará o luns 9 de xullo cunha actuación de Circo Chosco (Ariñe Azkue e Óscar Páez) na Praza do alcalde Ramón Souto González. Neste espectáculo, Forzu2, “o humor e o absurdo son os fíos que tecen a trama na que dous atletas se compenetran realizando trucos imposibles diante do público. Risco, desastre, sorpresa e surrealismo crúzanse coa impecable técnica en forma de portés, acrobacias aéreas, malabares imposibles e lume”.

O humor dará paso á música na xornada do martes 10 de xullo. Ese día actuará na Praza do Concello o grupo de rock en galego Ith, presentando o seu disco O mínimo que o contén todo. Miguel (guitarra), Toxo (baixo), Gonzalo (batería), Lucía (voz) e Miguel Folgueira (voz) son os compoñentes desta banda, natural de Xanceda, que toma o seu nome dun príncipe celta. A música de Ith amosa influenzas de diversos grupos do rock, do heavy ou do pop, tanto estatal como internacional. A temática das cancións “vai dende a sempre presente reivindicación, necesaria en toda sociedade, ata o máis puro sentimento e emoción”.

O Ciclo do Día da Patria Galega 2018 continuará o xoves 12 de xullo coa xa tradicional Festa da Veciñanza que incluirá unha verbena arrufada pola orquestra Nautilus Band.

O programa pecharase o venres 13 de xullo cun concerto de Sés no que a artista coruñesa presentará o seu quinto traballo, Readmirando a condición. Neste álbum, Sés volve gravar, musicar e arranxar o seu primeiro disco, “Admirando a condición”, que publicara en 2011.