Friday 22 de November de 2024

A chuvia non impide que O Mesón do Vento celebre a vixésima edición da súa Festa do Lacón con Grelos


 

A pesar da chuvia e das condicións meteorolóxicas adversas O Mesón do Vento non se resistiu a celebrar a vixésima edición da súa Festa do Lacón con Grelos.

Dende ben cedo bares e restaurantes da zona puxeron as potas ao lume para cociñar os máis de 2.500 quilos previstos para este día, do que é un dos pratos con maior protagonismo dentro do receitario galego. Xa chegado o mediodía todos os establecementos comenzaron a ofrecer racións e tapas deste produto para toda a clientela.

Pero para este día o programa ofrecía máis, como a música do Grupo de Danzas Asociación Cultural Veciños de Leira ou a mostra de motos e coches antigos, entre os que destacou unha gran concentración de 600 así como unha exposición de tractores, 4×4 e maquinaria agrícola. Dentro da nave de gando non faltaron as galiñas de Mos e as mostras de gando vacún, porcino e cabalar. Tamén se puideron contemplar as aves rapaces e exemplares de rubia galega, cachena, limiá, cabalos de pura raza galega e porcos celtas entre outros.

Abundaron os postos nos que se ofrecían licores e augardentes, artesanía e abalorios, queixos do país, carnes de porco salgada, embutido curado, antigüidades, rosquillas, doces, galletas, aceites, sementes, conservas e legumbres entre outros produtos. Tamén se celebraron as probas de andadura federada.