Friday 22 de November de 2024

A Xunta adxudica as obras de reparación do firme en varias estradas autonómicas na Comarca de Bergantiños por un investimento de case 580.000 euros


Estas actuacións, cun prazo de execución de 4 meses, comezarán na segunda quincena do vindeiro mes
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar as obras de reforzo de firme localizado en varias estradas autonómicas na comarca de Bergantiños por un importe de case 580.000 euros.

Estas actuacións adxudicadas á empresa Arias Infraestructuras S.A., cun prazo de execución de 4 meses, comezarán na segunda quincena do vindeiro mes de abril.

Na estrada AC-413, ao seu paso polo Concello de Carballo, entre o Pq. 21+500 e o 23+285, levaranse a cabo fresados e reposicións puntuais e selado de gretas. No mesmo municipio, actuarase na estrada AC-414, a través de fresados puntuais e a extensión de nova rodadura na glorieta do enlace coa AG-55.

Na AC-419, nos Concellos de Malpica e Ponteceso, nos subtramos comprendidos entre o Pq. 0 e 0+750, 9+980 e 10+260 (á altura de Tella), 11+240 e 11+310 (tramo final da travesía de Ponteceso), tamén se mellorará a capa de rodadura.

Outra vía obxecto do contrato é a AC-421, entre o Pq. 0+170 e o 0+880 (entre a AC-552 e o enlace coa AG-55), e en toda a sección entre o 5+900 e o 7+700 (Castrobo e Cereo) e dende o 8+230 ao 13+300 (Condomiña a Xornes).

Na estrada AC-422, no Concello de Malpica, entre o 1+450 e o 1+550, tamén se reparará o firme, así como na AC-423, ao seu paso polos Concellos de Cabana, Coristanco e Ponteceso.

Na AC-434, no tramo entre o Pq. 0 e o 1+000, no Concello de Laxe, melloraranse os elementos de drenaxe existentes; e na AC-552, executaranse fresados e reposicións puntuais ou extensión de microaglomerado entre os puntos quilométricos 34+600 e 34+900 e 50+100 a 55+000, nos Concellos de Cabana, Coristanco e Zas.

Plan de reforzos de firmes
A Xunta, coa execución deste tipo de traballos, continúa co desenvolvemento do Plan de Reforzos de Firme, que nos Orzamentos para 2018 incrementa de modo moi importante a súa dotación de 15 a 20 millóns de euros.

O Goberno galego segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.