Sentida homenaxe de todos os concelleiros da corporación á secretaria municipal, Carmen Gómez Otero, na súa despedida
O pleno municipal de Frades aprobou esta tarde por unanimidade a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica, que non altera o importe, que se mantén no 1,2. “Un índice baixo e que teñen outros concellos como o de Mesía e máis baixo que Ordes ou Oroso, por citar algúns da nosa contorna”, apuntou o alcalde, Roberto Rey.
“O que se fai é harmonizar a parte normativa que tiñamos no Concello e introducir novas bonificacións de cara ao futuro como, por exemplo, os vehículos eléctricos e híbridos”, explicou o concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro. Neste sentido, a ordenanza recolle bonificacións do 75% para vehículos eléctricos nos primeiros 5 anos e do 25% para híbridos, mantendo as bonificacións do 100% para os vehículos históricos e do 50% para familias numerosas, que poderá ser do 75% no caso de familias numerosas especiais. “Os vehículos agrícolas están exentos por lei”, lembrou Ferreiro Marzoa.
Despedida da secretaria
O Pleno tamén aprobou por unanimidade unha declaración conxunta do PP e do BNG co gallo do Día Internacional da Muller e aproveitou para despedir e homenaxear a Carmen Gómez Otero, secretaria municipal de Frades dende o ano 2015, no que foi o seu último pleno no municipio. En nome de toda a corporación, o alcalde Roberto Rey fíxolle entrega dunha réplica da casa consistorial de Frades e agradeceulle o traballo realizado estes últimos anos. “Todo o que podo dicir de Carmen é bo. Pasamos dunha etapa moi distinta a outra na que todo o que fixo foi mellorar o nivel de transparencia e de xestión do Concello de Frades. Desexámoslle o mellor e aquí terá as portas abertas sempre”, asegurou Roberto Rey.
Un aplauso ao que se sumou o voceiro do BNG, Xosé María Pérez Lagos, asegurando que “teño que dar as grazas porque nos axudaches moito e aprendemos moito contigo. O trato foi exquisito e só podo desexar toda a sorte no futuro”. Pola súa banda, Carmen Gómez Otero asegurou que “só teño agradecemento e boas palabras para todos os que estiveron comigo na miña estancia en Frades. Tiven unha acollida tremenda. Foi un traballo moi esixente e hoxe estou de loito. Ogallá puidera continuar”.
A marcha de Carmen Gómez xustifícase en que na próxima semana está prevista a incorporación dunha nova secretaria, que gañou un concurso oposición que o Concello de Frades ten recorrido no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pola desestimación das bases do concurso aprobadas por unanimidade no Pleno Municipal. Nesas bases, recorridas polo Colexio Oficial de Secretarios, o Concello de Frades establecía para o posto un soldo máis acorde co tamaño do municipio (establecido tendo en conta unha media de 15 concellos das mesmas características e non referenciado á categoría profesional que tiña a anterior posuidora da praza) e esixía que a persoa que optase ao posto tivera uns mínimos coñecementos de ofimática para desenvolver o seu traballo, tales como saber enviar un e-mail ou manexar un procesador de textos. Unhas cuestións que non foron tidas en conta no proceso de selección realizado, polo que o Concello espera que o Tribunal Superior acepte o seu recurso e anule o concurso.