O delegado territorial na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o colexio para comprobar o resultado dos traballos e compartir un rato cos mestres, empregados e alumnos
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Centro de Educación Especial (CEE) Nosa Señora do Rosario, único de Galicia que imparte a ESO completa para nenos con deficiencias auditivas. O delegado estivo acompañado pola directora, Noelia López, o presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg), Iker Sertucha, e polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana.
A visita tiña por obxecto dar a coñecer as obras para a mellora da accesibilidade, cun investimento de 22.000 euros, realizadas recentemente no centro e, ao tempo, compartir cos alumnos algunhas das actividades que se desenvolven no centro. As obras que se executaron no CEE Nosa Señora do Rosario consistiron na eliminación dunha zona a distinto nivel onde estaban situados un pequeno baño, un cuarto con cambiador e lavadora, unha zona de almacén e uns aseos, dependencias todas elas que eran inaccesibles para persoas con mobilidade reducida.
Coa construción dun forxado de chapa que permite o acceso a parte desta zona ao nivel da planta primeira elimináronse as mencionadas barreiras arquitectónicas. Sobre este forxado executáronse uns novos aseos, que constan de dúas cabinas e un lavabo de uso xeral, e ademais un baño independente e accesible dotado de ducha, inodoro, lavabo, toma para lavadora e espazo para unha padiola. O resto da zona de actuación, que ten unha menor altura libre, habilitouse como arquivo e accédese á mesma por unhas novas escaleiras.
O Nosa Señora do Rosario é o único centro de Galicia que ten a ESO completa para nenos con deficiencias auditivas. Imparte, ademais, o segundo ciclo de educación infantil e o ciclo completo de primaria. Colexio de carácter mixto, para nenos (3-21 anos) xordos ou deficientes auditivos contando con tres sectores de atención: Integración total, integración combinada, e atención específica para as Patoloxías da Audición e a Linguaxe (CRE-PAL). Fóra da programación lectiva, o centro promove actividades físico-deportivas nas instalacións do propio centro e adaptadas ás posibilidades que ofreza a súa infraestrutura.
Ovidio Rodeiro destacou “o esforzo que fai a Xunta de Galicia pola integración, desde a infancia ata a integración no mercado laboral”. Neste sentido, recordou que desde a Xunta estase a impulsar un novo plan de emprego no que participan 85 persoas con discapacidade auditiva de toda Galicia das que se prevé, como mínimo, a inserción laboral do 40%.